Berta Dávila, Elvira Riveiro e Grampoder protagonistas do “Picaversos” da perda

O ciclo “Picaversos” volve por segunda vez saír do seu espazo habitual para se dirixir á Casa de Europa co seu ciclo de lecturas poéticas que, desta volta, protagonizan Berta Dávila, Elvira Riveiro e os músicos Martin Wu e Le Roi, de Grampoder.

Casa de Europa
photo_camera Casa de Europa

A colaboración da USC leva por segunda ocasión ao ciclo “Picaversos” a abandonar o seu escenario habitual do Pub Modus Vivendi de Compostela para se dirixir, desta volta, á Casa de Europa, o edificio situado na finca Vista Alegre, ao pé da SGAE, a Escola de Altos Estudos Musicais e o Museo de Historia Natural. Será o tema da “perda” a que convoque, esta terza feira 22 de abril a dúas poetas que, malia a súa idade, ocuparon espazos de privilexio na poesía contemporánea como son Elvira Riveiro e Berta Dávila. Canda elas, os músicos, Martin Wu e Le Roi, de Grampoder, serán protagonistas dunha nova sesión do ciclo literario-musical coordinado polas poetas Olalla Cociña e Branca Novoneyra.

Corpo baleiro e Raíz de fenda (Premio Johán Carballeira), son os títulos poéticos de Berta Dávila, escritora que foi considerada como “autora do ano” nos premios da Asociación Galega de Escritores nun ano no que tamén viu a luz a súa premiada e recoñecida novela, O derradeiro libro de Emma Olsen.  Pola súa banda, As redes de Inés (Xerais) é o máis recente libro de Elvira Riveiro, unha autora que ten publicaod tamén títulos como Andar ao leu (2005), Arxilosa (2005), Palabras brancas (2008), Biografía da Multitude (xunto con Silvia Penas, 2009), carnia haikai (2012), corpos transitivos (2013). 

“Picaversos quere visibilizar a poesía fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público. Así, reúne voces diversas sen espazo cultural conxunto nas programacións institucionais”, sinalan desde a organización do ciclo poético musical.

Comentarios