É escultor ademais de mecánico xa xubilado

Bernardo Seoane: "Esculpir o elefante foi como un crebacabezas, na busca das pezas que mellor encaixaban"

Recentemente, presentou a que se cadra é a súa obra máis colosal, un elefante de 4 metros de longo e arredor de 2.000 quilos de peso. 
1607431021403
photo_camera O autor do elefante, Bernardo Seoane, retratado diante da súa obra de maior tamaño. (Foto: Nós Diario)

Como comeza a construción dunha peza tan grande como un elefante?

Todo comezou porque me encargaron unha especie de carcasa para os desfiles do Entroido. Deseñei unha peza a base de variñas para que a rapazada puidese subir enriba do animal e logo cubrina de tela.

Cando remataron esas festas, como non podían quedar coa peza, fíxenme eu de novo con ela e, nun primeiro momento, íaa desfacer, pero logo xurdiume a idea de cubrilo todo con chatarra e así empecei.

Pero o refugallo que tiña acumulado non me chegou a nada, así que fun polos talleres, incluso chegaron a regalarme pezas, e todo o que xuntei estireino na finca, para poder ver canto tiña e canto precisaba, e comecei a cubrir as patas e a darlle forma ao elefante. Foi como unha especie de crebacabezas, aqueles elementos que non encaixaban fun rexeitándoos e buscando outros.

Tiven moita sorte, porque me regalaron cadeas industriais grandes e con elas fixen a trompa, e iso confírelle movemento á figura.

Para as orellas escollín materiais máis lixeiros e levei as pezas máis pesadas para a parte de atrás, para compensar tamén o peso da trompa. E, como remate, preparei unhas escadas para que cando veñan as crianzas dos colexios de arredor visitar o museo poidan subir no elefante.

Cando chega vostede ao mundo da escultura? Cal foi a súa traxectoria nela?  

Estudei na Escola de Artes e Oficios de Pontevedra, alá polos anos 60, que daquela o que ensinaban era Formación Profesional. Instruínme alí, fun traballar a Pontesa e despois tamén exercín como mecánico de mantemento noutras empresas. Xa daquela creaba algunha escultura, nun formato máis pequeno, facendo con refugallo locomotoras...

Fun cambiando, e unha das cousas que máis me gustaba era crear animais, en tamaño pequeno, non como o elefante. E tamén fixen unha colección de máquinas absurdas, todas elas teñen un funcionamento mecánico e son manipulábeis coas mans, nalgúns casos, e cos pés, noutros.

Unha obra desa colección foi a Maquina de tortura, porque para min a violencia é totalmente absurda; tamén fixen unha especie de robot como Terminator... E creei máquinas en certo modo surrealistas, como unha que dá unha patada no cu, ou o aparello de abrazar, que é das máis emotivas. 

Ten algún novo proxecto en mente, ou logo dunha escultura tan grande como o elefante cómpre descansar?  

Non vendo a miña obra, senón que unicamente tiven un par de esculturas no concello e teño realizado doazóns a entidades benéficas como Cáritas. Esculpo polo pracer de crear e traballar.

Mentres aínda era mecánico non deixei de esculpir e teño pensando máis dunha vez, cando sacaba unha peza para substituíla por outra, por exemplo, que era bo darlle unha segunda vida a esa que estaba a quitar. E iso é realmente o que  fago. Teño arredor de 300 pezas, aínda que non están todas no museo, senón que tamén hai obra cedida.

Sempre estou a pensar e a tratar de facer algo, aínda que durante o inverno traballo menos, porque estou xusto ao carón da ponte romana do río Verdugo e paso bastante frío, así que agardo á primavera para comezar a traballar.

O proceso que sigo é complexo, porque cando teño unha idea na cabeza non é tan fácil atopar as pezas. De feito, coas máquinas absurdas tardei bastante, porque tiña claro o que precisaba e non sempre era doado conseguilo. Mais sempre estou a pensar en crear algo.

Comentarios