Bernardo Maiz: “Escoller a Filgueira Valverde significa o triunfo da cultura de elite”

O historiador Bernardo Máiz foi parte activa da Comisión Letras Galegas 2015 para Carvalho Calero que acadou un apoio social histórico. Agora critica que, pola contra, a Academia optara pola "cultura de elite" e pola homenaxe a unha figura "colaboracionista co franquimo".    

Bernardo Maiz
photo_camera Bernardo Maiz

Afirma non lle ter medo a nada e iso pode mesmo chegar a resultar molesto. Notouno, por exemplo, cando se reuniu con Alonso Montero para presentarlle a candidatura de Carvalho Calero para o Día das Letras Galegas como membro da comisión de apoio. Di que notou o malestar do presidente da RAG ao velo tomando notas da xuntanza. Agora bota man delas e non oculta o malestar pola escolla de Filgueira Valverde, “colaboracionista absoluto”, di, do franquismo. 

-Carvalho Calero chega por vez primeira á final da votación para o Día das Letras. Como valora o resultado?

Presentaramos unha lista de sinaturas de máis de duascentas persoas, fundamentalmente do mundo da cultura. O número de entidades era inmenso. A comezar polos Concellos da área de Ferrol pasando por todas as asociacións culturais do país, a Federación Galga de Asociacións de Veciños ou mesmo o Comité de Empresa de Navantia, por citar unhas poucas. A AELG remitira aos seus socios un comunicado noso e foron moitas as adhesións que chegaron do ámbito literario. Alonso Montero foi presentar hai pouco un libro a Ferrol e entregáronlle un dossier que estaba encabezado por un cadriño de Xaquín Marín cun personaxe que dicía: “Ferrol existe, Carvalho Calero tamén”. Por poñer só algún exemplo, o anterior presidente do Consello da Cultura, Alfonso Zulueta dera o seu apoio igual que o presidente da Fundación Penzol. A campaña foi moi activa e o concello de Ferrol -do PP- implicouse no tema. Desde que comezou a apoiar a candidatura foron catro veces as que se presentou. O propio alcalde díxolle a Alonso Montero que nos xa máis de cincuenta anos nunca foi homenaxeado ninguén de Ferrol. 

 "Que tería pasado se Carvalho Calero non tivese sido depurado? Se contase coas posibilidades para investigar que tivo Filgueira Valverde?"

-Cal foi a resposta de Alonso Montero?

Na reunión que tivemos con el comezou a dicirnos que falabamos para un convencido e rematou desmontando á persoa, non a súa traxectoria.  Chegou a dicir que tan só pola Historia da Literatura Galega xa merecería un Día das Letras Galegas. A presentación da candidatura de Carvalho desta volta por parte de Francisco Fernández Rei foi moi potente e conseguiu apoios dentro. Agora vexo que lle queren dar o enfoque de que son os da directiva anterior, os de Ferrín, os que van contra a actual executiva. A tal altura resulta moi difícil xustificar o veto da Academia. Mesmo como figura histórica, a de Carvalho Calero é dunha grande relevancia. Por poñer un exemplo, é o único que se presenta como afiliado ao Partido Galeguista á academia militar como oficial. O seu compromiso co país e coa liberdade é total. 

-Fronte a esa biografía, está a de Filgueira Valverde...

Que, entre outras cousas, formou parte da Comisión de Depuración de Ensinanza de Pontevedra. A de Ferrol estaba presidida por Enrique Montenegro e nela estaba tamén Torrente Ballester.  O medo pode ser comprensíbel, mais non o seu colaboracionismo absoluto cando estaban machacando aos seus amigos e aos que foron os seus compañeiros. Nin Sánchez Cantón, que foi un dos seus mentores lle tiña especial aprecio, igual que Otero Pedrayo, que foi depurado mentres cando el gozaba dos privilexios do franquismo. Cando falan do seu labor intelectual eu digo que é importante e, de feito, valoro moito, por exemplo, a documentación dos gremios de mareantes mais, pregúntome: Que tería pasado se Carvalho Calero non tivese sido depurado? Se contase coas posibilidades para investigar que tivo Filgueira Valverde?

-Hai quen dá a  volta e defende que esa parte da figura de Filgueira Valverde servirá para revisar o que aconteceu en todos aqueles anos. 

Esa etapa vai ser obviada por parte das institucións. Non van facer mención. Falarán del como do ilustre polígrafo, do seu labor intelectual, do papel como fundador do Seminario de Estudos Galegos. Ao igual que o tema da instalación de Ence. 

"A cultura está na mans dunha urdime institucionalizada que abrangue institucións públicas e privadas que están ao servizo do poder"

-De que é síntoma esta escolla? 

Do trunfo do concepto da cultura de elites, pretendidamente aséptica. Vai na liña do que o propio Carvalho denuncia na súa obra, cando criticaba e maldicía aos eruditos. A Academia acaba de retratarse como unha institución na que triunfa a erudición por riba do compromiso co país. 

-Na carta que vostede envía denuncia unha trama de poder que goberna a cultura institucional, a que se refire?

Trátase dunha urdime institucionalizada que abrangue institucións públicas e privadas que están ao servizo do poder. O CCG, a RAG... son eles quen  dispón que é cultura galega e que non. Uns cantos nomes repártense padroados e direccións de entidades da cultura galega. Son as que con colaboradores -algúns inocentes e outros trepas- teñen a mañado a cultura oficial galega en conivencia absoluta con quen ten o goberno da Xunta. Quedou á vista cando Núñez Feijóo con gran descaro utilizou a Castelao e eles estaban alí para aplaudiren. O intelectual ten que ter a función crítica de corrixir os excesos e abusos do poder. Esta tropa non está a cumprir esa función que tiña que ser a do intelectual nunha sociedade democrática. 

Comentarios