martes 24/11/20

Bergondo lembra Filomena Dato cun premio de poesía

Recepción de orixinais até o 15 de abril
De esquerda a dereita, a concelleira de Cultura de Bergondo Patricia Vázquez, a alcaldesa Alejandra Pérez e as editoras de Apiario Dores Tembrás e Antía Otero, na presentación do premio de poesía Filomena Dato. Foto: Concello de Bergondo.
De esquerda a dereita, a concelleira de Cultura de Bergondo Patricia Vázquez, a alcaldesa Alejandra Pérez e as editoras de Apiario Dores Tembrás e Antía Otero, na presentación do premio de poesía Filomena Dato. Foto: Concello de Bergondo.

A figura de Filomena Dato (Ourense, 1856-A Coruña, 1926) atopábase, até non hai moito, entre as menos célebres do Rexurdimento. Pero a escritora, ademais feminista de primeira hora, vaise abrindo camiño pola historia cultural galega. O Concello de Bergondo convoca agora un premio de poesía ao seu nome con dous obxectivos: "Aumentar a nómina de certames que impulsan a creación poética en galego" e "rescatar do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida do movemento literario do Rexurdimento".

"Queriamos facer un concurso literario serio, que estivese á altura dos que hai na provincia e que servise para continuar exaltando a figura de Filomena Dato", explicou a alcadesa da localdiade, Alejandra Pérez, durante a presentación da iniciativa, "vinculándoa co traballo de muller e igualdade que vimos facendo desde o Concello".

As obras que opten aos 2.000 euros do galardón deberán enviarse á Casa da Cultura de Bergondo antes do 15 de abril. Serán inéditos, cunha extensión mínima de 500 versos e non premiados noutros concursos. Presentaranse por cuadriplicado e baixo plica. A decisión do xurado farase pública ao longo do mes de maio.

Ademais da dotación económica, o certame inclúe a publicación do libro distinguido baixo o selo editorial de Apiario. A poeta Dores Tembrás, unha das impulsoras da editora canda a súa colega escritora Antía Otero, salientou o seu desexo de que o premio "sirva para darlle un pulo á lingua e á creación do país".

comentarios