Beramendi, a historia como proxecto nacional

O falecemento de Xusto Beramendi, na madrugada desta cuarta feira, provocou un fondo pesar en todo o país, con reaccións e mensaxes de pésame inmediatas de practicamente todas as institucións académicas e culturais. Beramendi foi autor de estudos cruciais para o estudo da Galiza contemporánea, ademais dun incansábel activista cultural que participou na fundación e consolidación de numerosas entidades culturais, especialmente do Museo do Pobo Galego.
Xusto Beramendi [Imaxe: Laura R- Cuba]
photo_camera Xusto Beramendi [Imaxe: Laura R- Cuba]

Na mañá desta cuarta feira, 3 de xullo, falecía de maneira repentina o historiador Xusto Beramendi, deixando un fondo pesar en todo o mundo académico e cultural da Galiza. Beramendi deixaba atrás toda unha vida dedicada á investigación histórica, nomeadamente, á historia da Galiza contemporánea.

Nado en Madrid en 1941, afincouse na Galiza despois de realizar estudos de Enxeñaría Industrial e Tradución e converteuse nun "galego por elección", como indicaba o título do libro de homenaxe que editou o Museo do Pobo Galego recollendo testemuños e tributos de moitas persoas dos ámbitos nos que traballou. Aquel volume, precisamente, púñalle o ramo ao seu labor no Museo, do que foi fundador en 1977 e cuxo padroado presidiu entre 2011 e 2022, cando foi substituído pola actual presidenta, Concha Losada.

"Nesta casa fíxoo todo", declara Losada a Nós Diario. "Participou na primeira reunión na que se tomou a decisión de crear o Museo, foi Secretario da Xunta Rectora até que, por un cambio nos estatutos que el mesmo impulsou, pasou a ser Presidente do Padroado... durante os case 50 anos de vida do Museo, participou de maneira enormemente activa na súa dinámica".

Losada destaca, ademais, que era "moi responsábel e esixente, especialmente consigo mesmo. Sempre chegaba ás reunións con todos os deberes feitos, e feitos con rigor e precisión".

Ademais, como historiador, Beramendi estaba especialmente interesado en que o Museo reflectise un relato propio da Historia da Galiza, "e creo que cando abrimos a primeira sala dedicada á historia do país quedou tranquilo e comezou a preparar o seu retiro", explica Losada. Precisamente será no Museo do Pobo onde se instalará esta quinta feira, 4 de xullo, a capela ardente -aberta ao público desde as 10 até as 13 horas- momento en que comezará un acto cívico para lembralo.

O rigor

Beramendi realizou os seus primeiros estudos en Enxeñería Industrial en Madrid entre 1959 e 1967, e posteriormente trasladouse a Barcelona para estudar tradución. Porén, a súa paixón pola historia levouno a doutorarse en Historia na Universidade de Santiago de Compostela en 1987, onde máis tarde sería catedrático emérito de Historia Contemporánea e vicerreitor. Xubilouse en 2012.

O historiador Emilio Grandío, discípulo e colaborador de Beramendi, resume o seu labor como docente subliñando que "fai parte dunha tríade de profesores que funcionaron como unha referencia inescusábel para todos os historiadores posteriores. Desde a Facultade de Xeografía e Historia da USC, Beramendi, Ramón Villares e Xosé Ramón Barreiro, fixeron contribucións imprescindíbeis á historia deste país. Cada un deles mantiña unha perspectiva moi diferente, pero en conxunto, lograron dar paso a unha historia estudada desde unha perspectiva nacional que sería imposíbel de entender sen eles".

Grandío destaca que desde a década de 1960 existe na sociedade galega ese desexo de facer da Galiza un suxeito histórico de seu, e reivindica o labor dos historiadores que, como Beramendi, fixeron un gran esforzo -case sempre nun contexto político moi desfavorábel- por lexitimar un determinado concepto de país e de sociedade. Trátase dun traballo demorado no tempo pero, a medio e longo prazo, vemos como vai dando os seus froitos". O historiador agrega que Beramendi era "un gran docente, dun enorme rigor, e moi interesado polo seu alumnado".

Unha historia canónica do nacionalismo

Como historiador, Beramendi especializouse no estudo do nacionalismo, publicando traballos cruciais clave sobre a Revolución de 1846, Manuel Murguía, Alfredo Brañas, Vicente Risco, Peña Novo ou Ramón Villar Ponte. A súa máis importante neste sentido chegaría en 2007: De provincia a nación: Historia do galeguismo político (2007), unha obra enciclopédica que obtivo en 2008 o Premio Nacional de Ensaio concedido polo Ministerio de Cultura, o Premio da Crítica de Galicia, o Premio Irmandade do Libro e o Premio da AELG -agora Premio Follas Novas- na categoría de Ensaio.

"Creou un relato canónico do nacionalismo galego que, como todos, pode estar sometido a revisión e discusión", indica o historiador Dionisio Pereira, "pero creo que é e seguirá sendo un punto de referencia. Malia que traballabamos en campos diferentes, Beramendi sempre foi tremendamente amábel comigo e mesmo proporcionoume datos que me facilitaron moito o traballo cando comecei a estudar o papel dos galegos nas guerras do Rif. E o seu labor á fronte do Museo do Pobo, consolidando esa institución, merece un recoñecemento de todo o país".

Activista cultural

Beramendi, ademais, mantivo unha intensa actividade noutras institucións e entidades culturais. Foi membro fundador da Fundación Castelao, dirixiu a sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco, e participou na creación das revistas A Trabe de Ouro (1990) e Tempos Novos (1997). Un labor de activista cultural que lle fixo acredor de numerosos recoñecementos, entre eles, o Pedrón de Ouro (2008), o Premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda (2009) ou a Medalla Castelao (2017).

"Unha das cousas que eu valoraba moito del era, precisamente, que malia ser un home moi metido no mundo académico, estaba moi aberto a participar en iniciativas procedentes de entidades independentes", lembra o historiador Bieito Alonso. "De feito, estaba moi próximo ao semanario A Nosa Terra, onde publicou o libro O nacionalismo galego, en colaboración con Xosé Manoel Núñez Seixas. E participou en varias iniciativas da AS-PG, como no congreso sobre Castelao de 1999, onde chegou a participar no comité organizador, ou no manifesto Galeusca que se opuña as directrices do goberno Aznar sobre a educación e a realidade plurinacional do Estado".

Alonso lembra que Beramendi era un referente para todos os historiadores interesados en traballar na xenealoxía do galeguismo e o nacionalismo. "Un dos primeiros libros que lin del foi Vicente Risco no nacionalismo galego (Edicións do Cerne, 1981), que nos situaba na Galiza contemporánea cun argumentario moi plural e aberto".

O autor do recente Inimigos ás portas. Frank López e o anarquismo global considera tamén que De provincia a nación é unha referencia absoluta na historia do nacionalismo, "dificilmente superábel no medio prazo como marco de estudo".

Mais Alonso destaca sobre todo a valentía intelectual "da súa reflexión sobre asumir ser galego. Ao falarmos das identidades deberiamos ter presente que el, realmente, foi galego por elección".

Comentarios