Benvidos á fin do mundo: cervexas e extraterrestres

Unha comedia. Efeitos Especiais. Extraterrestres. E moitas cervexas. Iso é Benvidos á fin do Mundo (The World´s End). E isto é a crítica das sextas feiras de Andrés Castro.

world end 2
photo_camera Unha fotograma do filme

BENVIDOS Á FIN DO MUNDO
Ano: 2013
Duración: 109 min.
País: Reino Unido
Director: Edgar Wright
Guión: Edgar Wright
Fotografía: Bill Pope
Música: Steven Price
Reparto: Simon Pegg, Nick Frost, Paddy Considine, Martin Freeman, Eddie Marsan, Rosamund Pike, Pierce Brosnan


SINOPSE
Cinco amigos da infancia reúnense tras 20 anos sen verse para tratar de acabar unha maratón de cervexas que non foron capaces de rematar cando eran adolescentes. A idea é tomar unha pinta en cada un dos 12 pubs que hai ao longo da “Milla de Ouro” do seu pobo natal Newton Haven. A iniciativa deste reencontro é idea do que fora líder da cuadrilla Gary King (Simon Pegg), un home de 40 anos que segue ancorado nos 90 e que se impón o reto persoal de chegar en pé ao último pub do recorrido: “The Worlds End”. Mais no pobo hai algo que non é coma recordaban e non precisamente por mor do paso do tempo. Terán que descubrir que propiciou ese cambio, ao mesmo tempo que tratan de cumprir o seu bébedo obxectivo.

CRÍTICA
Comedia fantástica que completa (de momento) a triloxía do triunvirato formado por Wright, Pegg e Frost. Repite a mesma fórmula das outras anteriores. Se en “Zombies Party” parodiaban con moito tino e orixinalidade as películas de zombies e con “Arma fatal” facíano coas buddy movies, en “Benvidos á fin do mundo” van a polas películas de invasión extraterrestre. En concreto é unha parodia máis que evidente da “A invasión dos ultracorpos”. E unha vez máis co dúo Simon Pegg-Nick Frost, unha sorte de o gordo e o fraco pero en plan british-destroyer. A trama vai dun rapaz que era o guay da universidade e que segue indo de guay, pero que xa supera os 40 anos. Segue mantendo o vello coche con radiocasette daquela, a mesma forma de vestir e, como non, as mesmas gañas de xolda. Isto contrasta coa vida asentada, e asumida, que teñen os outros catro membros da cuadrilla e que o protagonista se nega a aceptar. Agárrase coma a un cravo ardendo ao desafío de completar a Milla de Ouro: tomar unha pinta en cada un dos 12 pubs do pobo, coma se iso fose a última oportunidade de facer algo que paga a pena na vida. Son coma os últimos estertores dun peixe ao que sacan do seu medio natural.

A cousa complícase cando descobren que o pobo foi invadido por unhas criaturas extraterrestres que posúen as persoas facendo que sexan incluso mellores que antes, co fin de que todo cambie para seguir sendo igual. No apartado artístico atopamos que no guión colabora o propio Simon Pegg; na música temos a Steven Price, que acaba de compoñer a de “Gravity”, de Alfonso Cuarón; e na fotografía a Bill Pope, un especialista en películas fantásticas e de ciencia ficción que xa traballara con Edgar Wright en “Scott Pilgrim contra o mundo”, outra orixinal e recomendable película deste director que amosa o seu nivel de frikismo. Ao igual que en “Zombies Party” e “Arma fatal”, en “Benvidos á fin do mundo” segue habendo bos efectos especiais mesturados con humor. Todas ademais teñen o mesmo mcguffin: uns tipos que se atopan nunha situación inesperada e teñen que superala. A mesma escusa para afondar, cun toque retranqueiro, temas algo máis profundos. Neste caso trata da crise dos 40, da amizade e da nostalxia polos tempos pasados, e para recalcar isto utiliza banda sonora da época dos 90 (Blur, Primal Scream, The Stone Roses, Pulp…). Repítense tamén esquemas ao contar no casting con facianas consagradas da escena británica. Se nas primeiras contaron con Bill Nighy e Timothy Dalton respectivamente, nesta temos a Pierce Brosnan apoiando a causa. Entre os secundarios temos tamén a Martin Freeman, o Bilbo Bolsón da actual saga de “ O Hobbit”. Aínda que hai que recoñecer que a fórmula funciona bastante ben e que película segue estando á altura das dúas predecesoras, cara ao final decae un pouco. Remata a historia dunha forma un tanto precipitada e bastante parecida a un episodio dos Simpsons. Isto pode facer que nos esquezamos da hora e cuarto de esmendrelle que acabamos de pasar. Pero non deberíamos porque o filme é toda unha oda á exaltación da amizade, servida con litros e máis litros de cervexa para un público con gañas de botar unhas risas. Saúde!

Comentarios