Benedicta Sánchez e Mauro Herce, Premios Goya por ‘O que arde’, de Oliver Laxe

A Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas do Estado español premiou co seu máximo galardón, os Premios Goya, as galegas Benedicta Sánchez, como mellor actriz revelación, e Mauro Herce, como mellor dirección de fotografía. Ambos os obtiveron o recoñecemento cinematográfico polo filme ‘O que arde’, de Oliver Laxe.

A actriz Benedicta Sánchez recolleu o Premio Goya (Imaxe: María José López / Europa Press)
photo_camera A actriz Benedicta Sánchez recolleu o Premio Goya (Imaxe: María José López / Europa Press)

Benedicta Sánchez, aos seus 84 anos, fíxose co Premio Goya a mellor actriz revelación polo seu papel coprotagonista na longametraxe ‘O que arde’, do director galego Oliver Laxe.

A actriz premiada subiu na noite so sábado 25 de xaneiro ao cenario da gala que todos os anos organiza a Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas do Estado español e dedicou o galardón á súa familia, a Oliver Laxe e a todo o equipo do filme, referíndose en varias ocasións a Galiza e expresándose tamén en galego.

"Son galega e quero tamén o Goya para Galiza”, afirmou Benedicta Sánchez, após iniciar o seu discurso dicindo que "a vida dá sorpresas e esta é unha moi grande para a miña longa existencia".

Tamén ‘O que arde’ foi premiada co Goya a mellor dirección de fotografía, que recolleu Mauro Herce. O director de fotografía do filme de Oliver Laxe competía con José Luis Alcaine, de ‘Dolor y gloria'; Javi Agirre Erauso, por 'La trinchera infinita'; e Álex Catalán, por 'Mientras dure la guerra'.

‘O que arde’ tiña en total catro nominacións na gala dos Goya, xa que tamén optaba a ser premiada como mellor filme e mellor dirección. Finalmente ambos os dous premios foron para ‘Dolor y Gloria’, de Pedro Almodóvar, quen demandou desde o cenario aos poderes do Estado que axuden, protexan e se impliquen no cinema.

‘O que arde’ vén de ser premiado este mesmo mes como mellor filme europeo na XII edición dos Premios Gaudí da Academia del Cinema Català e é xa o filme galego con maior número de espectadoras ao superar a cifra da histórica ‘Sempre Xonxa’, de Chano Piñeiro. En novembro de 2019, o filme de Laxe pasaba das 62.500 persoas que viron a longametraxe en salas.

O vigués Santi Prego tamén estaba nominado pola súa interpretación como o ditador Francisco Franco en ‘Mentres dure a guerra’, mais finalmente o Goya ao actor revelación foi para Enric Auquer polo seu traballo na produción galega ‘Quen a ferro mata’.

Foi a gala número 34 dos Premios Goya e tivo lugar por primeira vez na cidade de Málaga. Foi apresentada por Andreu Buenafuente e Silvia Abril.

Comentarios