Ben-Cho-Shey contra Vicente Risco: os textos inéditos do debate

A viraxe ideolóxica e deserción política de Vicente Risco marcou a ferro toda unha xeración de persoas que partillaran con el militancia por Galiza. Xosé Ramón e Fernández Oxea (Ourense 1896-Madrid 1988), coñecido no mundo cultural galego como Ben-Cho-Shey, non foi unha excepción. Achegamos a documentación inédita desa disputa.
Ben Cho Shey
photo_camera Ben Cho Shey

Á volta de 1948, Vicente Risco retornou a Ourense, após tres anos de estadía madrileña, onde continuou, con escaso éxito, a súa relación co franquismo. Ben-Cho-Shey, desterrado pola ditadura desde 1937 en terras estremeñas e residente en Madrid, a consecuencia da súa militancia nacionalista, non tardou en ter coñecemento da noticia e deixou testemuño da mesma. Así, o 13 xaneiro asinaba un poema satírico, recreando a etapa de Vicente Risco na capital do Estado e ironizando cos seus contactos co réxime, a conta do libro deste Satanás. Biografía del Diablo, publicado en 1947.

Os versos de Ben-Cho-Shey, conservados no arquivo da Biblioteca Provincial de Ourense, como a práctica totalidade da súa obra inédita, non ofrecen dúbidas. Nun poema titulado Nin ao demo trabucas, escribía: "Cóntase que Don Vicente / tiña tal clase de medo / que vivía sen sosego / e até fuxía da xente. Mais sentíndose valente / foise un día para Madrid / coidando que por alí / faría as paces co Diaño / e este listo por vedraño / díxolle: "A min?¡por aquí!".

Risco sen alma

O transformismo político e ideolóxico de Vicente Risco ocupou de maneira reiterado as reflexións de Ben-Cho-Shey durante dúas décadas. Tanto é así que o 26 de abril de 1943 anotou no seu diario persoal que "o caso diste ex amigo meu e ex correlixionario é para ocuparse mais longamente del e é tema que me tenta moito e que teño gañas de o desenrolar, se me queda vagar para facelo a gusto". A continuación procedeu a comentar un artigo de Vicente Risco na revista ourensá Misión, onde criticaba o pensamento do intelectual e primeiro presidente provisional da república portuguesa Teófilo Braga.

A resposta de Ben-Cho-Shey non deixou dúbida da súa consideración sobre Vicente Risco. "Quizais tamén algún día, se hai un desocupado que se ocupe do Risco, poderá dicir. Asemade, que lle asombra que un home que di tales cousas puidera ter sido galeguista, republicano e candidato a deputado ás constituíntes. E do mesmo xeito que el podemos nós dicir que se lle quitamos ao Risco o galeguismo e o liberalismo ¿Qué queda del? Entón ficaría só a mona, porque o Risco ficaría sen alma, sen contido, que o perdeu ao conxuro do medo", espeta Ben-Cho-Shey.

O 26 de abril de 1944, Ben-ChoShey atopouse con Vicente Risco en Madrid. A ocasión deulle para lembrar no seu diario tempos pasados sinalando que "este serán atopei o Vicente Risco que viña a Madrid despois de 26 anos de ausencia desta vila. En tan longo período, cantas voltas deu a vida e deron os homes! Tamén por aquel entón estiven aquí con el, andaban daquela os ánimos excitados contra dos catalanistas e por ir falando o Risco na plataforma dun tranvía, diste noxento Madrid tivemos un incidente desagradábel cuns viaxeiros, que nos tomaron por cataláns".

O medo de Vicente Risco

O encontro casual con Vicente Risco deulle para volver analizar a traxectoria política deste. Así, escribiu no seu diario que "neste período de tempo; canto danzou tamén o Risco! De liberal demócrata a galeguista, cun intermedio de xestor provincial durante a ditadura, para volver ao galeguismo republicano, fundar logo a dereita galeguista e cambiar de chaqueta covardemente ante o terror falanxista do 36 que lle quitou todo o prestixio de home íntegro que aínda tiña. A min danme pena del porque o tiña por un bo amigo, pero ten unha cantidade de medo que se o puidese vender facíase rico".

As diverxencias de Ben-ChoShey e Vicente Risco xurdiron a raíz da escisión pola dereita do Partido Galeguista e tomaron unha nova forma após o golpe de Estado fascista de xullo de 1936. Risco, canda Filgueira Valverde, xogou un papel chave na ruptura da unidade do nacionalismo, escribindo Ben-Cho-Shey, o 1 de novembro de 1942, que "hai días coma hoxe, supoño que é pola data, que dou en pensar nos irmáns asasinados e tamén naqueles que un día nos abandonaron para montar aquela dereita galeguista. Aqueles homes, os máis, poucos eran, a esta hora xa arrepentidos convertéronos en obxectivos do franco falanxismo a todos aqueles que nos mantivemos fieis á disciplina do Partido".

As referencias ao papel político da militancia da dereita galeguista e a súa colaboración, nalgún caso, co franquismo foron constantes en Ben-Cho-Shey. Sen ir máis lonxe, o 15 de agosto de 1936, tras ter coñecemento da condena a morte de Alexandre Bóveda, anotou no seu diario "e cal será a actitude dos chamados galeguistas de dereita? Que pensarán eses homes que até onte chamaban irmán a Bóveda? Que clase de conciencia terán os que como o Filgueira, o Risco, ou o Vilarelle e, quizais outros, sigan apoiando os rebeldes que cometen crimes tan horrendos? Serán capaces de contar que tamén este salvaxe asasinato se comete no nome de Deus? Se covarde é a actitude da masa do pobo galego ante este crime máis tremenda é aínda a traizón destes homes aos que algún consideramos os nosos amigos".

A lectura das anotación persoais de Ben-Cho-Shey durante as semanas do terror quente de agosto e setembro de 1936 non aforraron as críticas máis duras a Vicente Risco. Así, en 19 de agosto, após saber do asasinato de Ánxel Casal, Xoán Antón Suárez Picallo e Camilo Díaz Baliño, concluíu: "Que grande remordemento para Risco e compañía".

A paixón por Galiza de Ben-Cho-Shey

Ben-Cho-Shey foi o nome con que Galiza chegou a coñecer a Xosé Ramón e Fernández Oxea. A súa orixe remontábase á súa etapa de soldado en Marrocos, para escapar á censura naquelas crónicas de guerra publicadas en La Zarpa, editadas por Sotelo Blanco e estudadas polo historiador Dionisio Pereira.

A súa contribución á cultura galega foi inmensa. Etnógrafo, lingüista, pedagogo, historiador, poeta, narrador, arqueólogo, os seus traballos recolléronse nunha chea de xornais, publicacións especializadas, monografías ou libros que deu ao prelo após moitos avatares. Porén, unha parte importante deles permanecían inéditos.

Militante do nacionalismo desde as Irmandades da Fala, presidente do Partido Galeguista en Lugo nos últimos anos da II República, represaliado polo franquismo coa pena de desterro, dirixente nacionalista na clandestinidade nos anos 40 e colaborador da Unión do Povo Galego (UPG) nos anos 60 e primeiros 70, non abdicou nunca do seu compromiso político e da súa lealdade á alternativa defendida por Daniel Castelao.

Xosé Ramón e Fernández Oxea tentou reconciliar na segunda metade da década dos anos 50 o núcleo de Galaxia con Vicente Risco. Malia as súas coñecidas discrepancias co director da revista Nós e tamén con Ramón Piñeiro, entendeu que podía actuar como ponte entre un e outro.

A tentativa de Ben-ChoShey cortouna de vez Ramón Piñeiro, sinalándolle en outubro de 1954 que "Vicente Risco é o meirande testemuño vivo contra a significación da súa obra. Eu coido que a súa meirande traxedia biográfica consiste precisamente nisto: en que a súa vida chegou a ser inimiga da súa obra. Mais para o poder reivindicar, o estorbo principal está no propio Risco, en cuxa conduta diaria renega da súa obra".

Comentarios