PROXECTO EUROPEO DE INTERCAMBIO CULTURAL

Belén Tajes a Irlanda; Luned Rhys Parry en Galiza

A músico coruñesa Belén Tajes vén de conseguir unha residencia artística en Irlanda para crear un cancioneiro de temas en galego e gaélico relacionadas co mar. Mentres, hai uns días chegaba a Galiza grazas ao mesmo programa Tosta a artista galesa Luned Rhys Parry. 

belentajes
photo_camera Belén Tajes

A creación dun cancioneiro de melodías en gaélico e galego relacionadas co mar é o proxecto co que Ana Belén Tajes convenceu ao xurado para ser a beneficiaria da residencia artística en Irlanda que a Deputación da Coruña convoca dentro do proxecto de intercambio cultural e lingüístico Tosta de Donostia Capital Cultural Europea. 

Un xurado composto por Magín Blanco, Ugia Pedreira, Xavier Campos e a responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, como presidenta escolleu o proxecto da música Ana Belén Tajes García como gañadora para a residencia artística de cinco semanas en Irlanda, dentro do proxecto “Tosta Cultural Cargo”, un programa de intercambio lingüístico e cultural entre nacións con linguas minorizadas que forma parte da programación de Donostia Capital Cultural.

Belén Tajes presentou como proxecto a creación dun cancioneiro de melodías en Gaélico e Galego relacionadas co mar, vista a conexión dos dous pobos mariñeiros co caladeiro do Gran Sol. O plan de traballo para as cinco semanas de estadía en Irlanda centrarase así na recompilación de melodías e creación dunha nova que conteña as dúas linguas con idea de publicar un audiolibro ou un formato similar para a súa exposición e escoita.

A comisión avaliadora destacou o “interese específico do seu proxecto por canto parte do patrimonio musical galego e irlandés, promove o intercambio e a relación musical entre ambas culturas e desenvólvese a partir dun concepto singular: o da música mariñeira”.

Nada na Arxentina e  residente en Oleiros, Ana Belén Tajes dedícase profesionalmente á música, ámbito no que traballa desde hai máis de dez anos, en especial en escolas de música e centros de ocio infantil. Con formación en música e baile tradicional galego, Ana Belén Tajes toca a gaita e varios instrumentos de percusión tradicional ademais de colaborar en varias formacións de jazz e música negra, como o coro feminino “Sisters in the House” da Coruña. Cursou Musicoterapia na Universidade de Alcalá de Henares.

Unha galesa en Galiza

Se Ana Belén Tajes García partirá en breve para Irlanda, a artista galesa Luned Rhys Parri está xa a crear nova obra na Coruña polo intercambio promovido polo proxecto Tosta. Neste caso, Luned Rhys Parri ten intención de se achegar á paisaxe e á cultura galegas e deixar pegada delas na súa obra, en especial, nas ilustracións en 3D que está a elaborar nas que, segundo sinalou, quere, entre outras cousas, incluír a cerámica de Sargadelos, da que se mostra impresionada.
 
O proxecto Tosta Cargo é a embaixada itinerante do Faro das Voces, un dos tres eixos nos que se articula o programa de Donostia Capital Europea da Cultura 2016. Tosta Cargo preséntase como un proxecto de colaboración entre axentes culturais das comunidades lingüísticas minoritarias do Eixo Atlántico no que participan Gales, Escocia, Irlanda, Frisia, Cornualles e o País Vasco, ademais da cultura e a lingua galega por medio da participación da Deputación da Coruña e a Mesa pola Normalización Lingüística.

Comentarios