Belas Artes redescobre a obra de Alejandro González Pascual

O museo coruñés recompilou numerosas pezas deste pintor -procedentes de coleccións privadas e de institucións públicas- para fornecer ao público unha visión global do seu "mundo repleto de autenticidade".
'Bodegón' de Alejandro González Pascual. (Foto: Museo de Belas Artes da Coruña)
photo_camera 'Bodegón' de Alejandro González Pascual. (Foto: Museo de Belas Artes da Coruña)

O Museo de Belas Artes da Coruña acolle até o próximo 27 de febreiro a exposición “Alejandro González Pascual 1930-1993”, unha proposta artística que estuda unha das figuras consideradas de especial singularidade nas últimas décadas do século XX no que á plástica galega se refire. 

A mostra, que vén de ser inaugurada, inclúe moitas pezas prestadas por coleccionistas privadas e, en consecuencia, hai obras que están ao alcance das e dos fanáticos da arte por primeira vez. 

O seu mundo, indican desde o Museo de Belas Artes, é un “mundo repleto de lirismo, sutileza e autenticidade”. 

Así mesmo, o proxecto de Belas Artes conta con creacións de González Pascual que foron cedidas temporalmente pola Xunta, a Deputación da Coruña, o Museo Provincial de Lugo, a Delegación do Goberno do Estado Español na Galiza, a Real Academia Galega (RAG) e até a Colección de Arte Abanca.  

Sobre catro grandes eixos temáticos

Segundo o comisariado da exposición, esta está estruturada en catro grandes eixos temáticos. Cos nomes Natureza, Bodegón, Estudio e Retrato, os espazos amosan exemplos que fornecen a oportunidade de achegarse “á obra e á atmosfera” deste pintor coruñés.

O seu mundo, indican desde o Museo de Belas Artes, é un “mundo repleto de lirismo, sutileza e autenticidade”. 

A selección das obras que vai poder gozar o público nos próximos meses fíxose en colaboración coa filla do autor, Blanca González. Con esta proposta monográfica, a entidade pretende fornecer “unha renovada visión da súa obra e traxectoria artística". 

Ademais, así dá continuidade ao ciclo de mostrar individuais que se está a destinar a divulgar a figura de pintores da Galiza, como poden ser tamén Tino Grandío, Antonio Tenreiro, Manuel Colmeiro, Felipe Criado ou Alfonso Sucasas.

Comentarios