xoves 21/10/21

Begoña Caamaño, Álvarez Torneiro e Ramón Nicolás suman os AELG ás súas “marcas” en premios

Confírmanse como a tríade de obras máis premiadas do ano.  A Gala das Letras da AELG contribúe a consolidalos cos seus galardóns. 

Escenario da Gala das Letras
Escenario da Gala das Letras

Se hai apenas sete días Sermos Galiza titulaba coa marca de Begoña Caamaño, “tres premios en dous meses para Morgana en Esmelle”, desta volta a segunda novela da escritora vén de engadir un galardón máis ao seu xa amplo ronsel. Aos recoñecementos da Asociación Galega de Editores, Premio da Crítica Española e Losada Díeguez súmase agora o da AELG para a que é, sen dúbida, a novela máis recoñecida do pasado ano.

En todas estas convocatorias, Caamaño cadra con un ou outro dos seus compañeiros que comparten en poesía e ensaio os premios entregados o sábado no Centro Ágora. Con Torneiro partillou os premios da Asociación Galega de Editores e da Crítica Española mentres que con Nicolás coincidiu a pasada semana nos Losada Diéguez. O ensaio de Ramón Nicolás sobre Celso Emilio Ferreiro estalle a dar ao investigador e crítico moi boas novas desde a súa publicación mais, desta volta, o trunfo non lle chegou só polo monumental ensaio.  O de Nicolás foi sen dúbida un dos nomes da noite, ao ser premiado por partida dobre a serlle recoñecido tamén na Gala das Letras o seu blogue “Caderno de crítica”, un continuado, imaxinativo, sólido e variado traballo na rede.  

Torneiro con Francisco Salinas

Canda Álvarez Torneiro, o premio de poesía foi entregado ex-aequo a Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal. En Literatura infanto-xuvenil, O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas resultou gañadora mentres que Banqueiros, un volume de varios autores coordinado `por Francisco Pillado foi o escollido no apartado de teatro. O traballo de Darío Xoán Cabana cos textos de Petrarca servíronlle para ser gañador do premio á tradución. 

Para Ana Romaní foi o premio de xornalismo cultural, en recoñecemento dunha traxectoria única de información cultural na radio desde o Diario Cultural da RG que leva en antena desde outubro de 1990. 

Premios sen sorpresa

Foron as sorpresas da noite literaria no centro Ágora da Coruña, unha vez os outros premios entregados tiñan xa nome con anterioridade ao acto de entrega. A AELG dedicou o premio Mestres e Mestras da Memoria a Manuela Cortizo e Ángel Rivas “por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional”; ás asociacións culturais que naceron nos anos 60 e 70 e que continúan vivas foron merecedoras do Premio Institucións por contribuír á divulgación da lingua e a cultura mentres a distinción “Bos e Xenerosos” recaeu nos humoristas gráficos Siro López, Xosé Lois González  “Carabouxo”, Xosé Angel Rodríguez “Gogue”, Pepe Carreiro e Xaquín Marín. A escritora portuguesa, Lídia Jorge recibiu o Escritora Galega Universal 2013. 

Begoña Caamaño, Álvarez Torneiro e Ramón Nicolás suman os AELG ás súas “marcas” en premios
comentarios