O "becho do teatro" volve ao Morrazo

Máis teatro galego e máis espectáculos a pé de rúa. Así se adapta a XXXVII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas á "nova normalidade" pos Covid-19. Desde esta quinta feira, e até o día 18 de xullo, o teatro terá a vila do Morrazo, e o seu Auditorio Municipal, como epicentro con todas as medidas de seguridade precisas.
Quico Cadaval durante o pregón da pasada edición (Nós Diario).
photo_camera Quico Cadaval durante o pregón da pasada edición (Nós Diario).

"Abrimos esta edición para sentir o latexo do público. Das nenas e nenos, das familias, das persoas maiores, das que viviron soas o desastre da pandemia, das xentes de Cangas, do Morrazo, da Galiza, de calquera rincón da terra que se acheguen a esta vila acolledora, festiva e de luz, de mar e de area, a esta vila que leva no sangue o becho do teatro". Así arranca a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que desde esta quinta feira, día 9 de xullo, volve con máis protagonismo da escena galega que nunca.

Preto de 80% dos espectáculos que se verán son de compañías galegas, "para favocecer o noso produto interior bruto cultural", sinalou María Armesto, directora artística da Mostra. "Queremos manter vivo o festival, normalizar as cousas e axudar a manter o sector na Galiza, pois non se esperan bos tempos para o teatro galego", engade Juan José Pérez, director do Auditorio Municipal de Cangas.

A actriz, escritora, intérprete e realizadora de contacontos Paula Carballeira estará a cargo do pregón inaugural, que dará paso á obra Commedia, da compañía galega Contraproducións. Un espectáculo dirixido e escrito polo dramaturgo Cándido Pazó, que desde a súa estrea na Galiza en 1993 converteuse nun dos fitos do teatro galego.

Na sexta feira, o día 10, o Auditorio Municipal acollerá a obra Napoleao ou o complexo de Èpico, unha coprodución da Mostra e da portuguesa Compañía do Chapitó. Ese mesmo día, dentro da programación de rúa, estrearase no país a obra Dolce e Salato, da compañía italiana Carpa Diem. Un proxecto que amosa o amor polo circo dos creadores.

Outra estrea na Galiza protagoniza a xornada do sábado, a do espectáculo de rúa Tónbola, da compañía euskara Hika Teatroa. Unha obra que conta as peripecias dunha familia de 'tomboleiros' e a súa cabra para sobrevivir en Europa.

Entre as actividades programadas para a fin de semana, a compañía galego-brasileira Asacocirco interpretará o sábado, na parroquia canguesa do Hío, Circo de lume, un espectáculo de pura acción cheo de efectos visuais.

A vindeira semana, o día 13, arrancará coa estrea absoluta do espectáculo Hell Brothers, unha coprodución da galega Cirkompacto coa Mostra, que tamén se poderá ver na terza feira. Trátase dunha peza para público xuvenil que conta a historia de Rejhuz e Glakghs Setén, fillos de Satanás.

Tamén o día 13, Déborah Vukušić despregará no Auditorio Municipal, da man da compañía DeUve, a súa primeira obra, Guerra de Identidade, na que representa a relación co seu pai, Bozídar Vukušić, xogador de balonmán no Cangas e criminal de guerra.

Liberto, da compañía galega Rebordelos; Dúas donas que bailan, da galega Teatro do Atlántico; As boas actrices, coproducida pola compañía galega 3 e a Mostra; The Primitals, da madrileña Yllana & Primital Brothers; e As virxes salvaxes, da galega Teatro do Noroeste, son outras das obras que se poderán ver no festival.

Mulleres en Acción A brecha laboral

Mulleres das artes escénicas e audiovisuais antes e despois da pandemia é o título do III encontro Mulleres en Acción, no marco do festival, que o sábado debullará "medidas que axuden a cambiar a inxusta realidade que viven as profesionais do sector". A nova realidade será abordada en dúas mesas redondas sobre o presente e o futuro do sector e as transformacións que cómpre realizar. Será o día 15 no Salón de Plenos do Concello.

Un esforzo para cumprir coas normas

"Pedimos un esforzo ao público para que colabore. A ser posíbel, que ninguén compre entradas na billeteira. Evitemos o papel e as colas", salienta o director do Auditorio de Cangas, Juan José Pérez, que lembra que a capacidade nas actividades estará ao 50%. As entradas poden mercarse a través de Ataquilla.com. Os tradicionais espectáculos de rúa, ao teren que realizarse en espazos acotados e con reserva, van deixar de ser de balde e pasarán a ter un prezo simbólico de 1 euro; polo que haberá butacas preasignadas nos distintos emprazamentos.

Comentarios