Beatriz García Turnes vén de publicar 'Esta noite hei de ir a verte'

Beatriz García: "Na investigación bélica a violencia que se exerce contra a muller non deixa rastro"

Beatriz García Turnes (Santiago de Compostela, 1973) ven de publicar con Editorial Galaxia Esta noite hei de ir a verte, unha novela xuvenil de misterio sobre unha mestra que chega a unha vila galega no ano 1964 e alí acontecen eventos estraños. A escritora e filóloga conta ademais con outras publicacións no mercado como A lingua galega entre 1875 e 1916. Situación social e consciencia idiomática (2004), a Vida e obra de Ramón Piñeiro (2009) e o ensaio Antera de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas (2016).
A escritora e filóloga galega Beatriz García Turnes. (Foto: Xermar) #literatura #galaxia #editorialgalaxia #beatrizgarcíaturnes #historia #muller
photo_camera A escritora e filóloga galega Beatriz García Turnes. (Foto: Xermar)

-Como xorde a idea de escribir esta novela? 

Esta historia ten moito da miña propia historia familiar. Todos temos historias que oímos contar as xeracións das miñas avoas e nai sobre eventos misteriosos. Ademais dáse a casualidade de que boa parte da miña familia é mestra, polo que moitas historias do pasado están ligadas a profesión. Entón quixen, aínda que é unha historia inventada con elementos fantásticos, ten como pano de fondo e algúns elementos que fan avanzar a historia, ten eses relatos familiares ligados á docencia. 

-Que outros temas trata en Esta noite hei de ir a verte?

O libro tamén fala do uso das linguas na escola, da ausencia do galego, da situación da muller e incluso se aborda un pouco o sufrimento das mulleres polas perdas durante as guerras, neste caso, a Guerra Civil

Penso que isto é importante, porque tanto na literatura como na investigación bélica só se falaba dos homes, porque a violencia que se exerce sobre estes, deixa restos escritos como procedementos xudiciais quedan rexistrados, pero a violencia que se exerce contra as mulleres, non deixa eses rastros, entón non é o posíbel investigalo. Isto queda reflectido dun xeito sutil, porque non podía afondar todo o que quería nesta novela.

-Comenta que as historias proceden da súa propia familia, cal destes relatos ou chiscadelas á realidade é o seu favorito?

Sobre todo no segundo capítulo da novela é onde máis se basea na historia da miña familia, sendo todas as accións narradas relatos dalgúns familiares.  Por exemplo, como miña nai realizou as súas oposicións e, despois da última proba, que era unha exposición pública, todo o mundo a felicitou e pensaban que ía sacar a praza. 

-Mais cando foi falar co tribunal, despois de ver o suspenso, estes dixéronlle 'meniña, que esperabas, se non tiñas ningunha recomendación?'

Este capítulo é moi especial porque todo o que se conta, aconteceu a alguén dos meus relativos.  

-Esta é a súa terceira publicación de ficción, ademais de que tamén publica traballos doutros xéneros.

Si, eu traballo máis pola parte da investigación e a súa publicación. En canto a ficción, sempre traballei literatura xuvenil, teño unha primeira novela que é Valdamor (2001) que foi Premio Lecturas da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Despois pasei máis de 10 anos sen publicar traballos de ficción porque tiven que ocuparme dun traballo e tres fillos, e non me daba o tempo para todo. Volvín publicar en 2018, con O ouro das lúas, e agora esta, que mesmo conta cunha homenaxe a Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, xa que este ano se cumpren 60 anos da publicación. 

-Actualmente está a traballar nalgunha outra publicación?  

A nivel de ficción si que estou traballando actualmente nunha novela, pero aínda non sei se chegarei a acabala, porque teño moitas ideas pero moi pouco tempo para levalas a cabo. Entón non sei se me dará tempo a acabala antes de fartarme dela. 

No eixo da investigación, estou traballando nun proxecto que se chama "Alegacións de Jürgen Untermann", no que se está clasificando o legado deste lingüista que se dedicou a linguas paleohispánicas, aquelas que se falaban antes da chegada dos romanos.

Comentarios