Galiza no mapa

O Beato Morgan e a Galiza do século X

A obra dos monxes de Tábara, da que se descoñece a data exacta –foi realizada entre o ano 922 e o 958– non recolle ningunha referencia a León ou Castela e evidencia que Gallecia e Spania servían para denominar realidades diferentes. De feito, non hai alusión ningunha a Spania nesta cartografía.

Sen título
photo_camera [Imaxe: Cedida] O beato Morgan

É coñecido con diferentes denominacións no ámbito cartográfico. A denominación máis empregada a nivel mundial é a de Beato Morgan, en referencia á biblioteca de Nova York onde se atopa custodiado desde 1919. Porén, no espazo ibérico, adoitan designalo como o Beato de San Miguel de la Escalada, atendendo a que foi realizada por mandato do abade deste mosteiro e permaneceu no mesmo cando menos até o século XIX. Pero hai outros autores que se refiren a el como Beato Magius, por ser este monxe o autor do mesmo, ou Tabara dous, en referencia ao cenobio onde foi realizada e mesmo Beato Thompsoniano, atendendo ao nome do coleccionista que vendeu a publicación ao Museo Morgan.

O Beato Morgan é o mapa máis antigo que fai parte de toda a tradición dos beatos. As diverxencias existentes entre os especialistas á hora de datalo con precisión, manexando un amplo abano de datas entre o ano 922 e o 958, non impiden certificar a súa antigüidade, coincidindo todos eles en que é anterior ao 968, ano da morte do seu autor. A cartografía foi elaborada polos monxes do mosteiro de San Salvador de Tábara, fundado polo santo galego Froilán no século IX e situado na actual provincia de Zamora, de cuxos obradoiros sairían outras importantes cartografías como o Beato de Girona. O responsábel da obra foi un monxe deste cenobio coñecido como Magius, atendendo un encargo do abade do mosteiro de San Miguel de la Escalada, na área leonesa.

A cartografía do beato de Girona fai parte da cartografía coñecida como os beatos, por estaren incorporadas as versións dos comentarios Apocalipses de San Isidoro realizadas polo abade de Santo Toribio de Liébana no século VIII, emparentado dentro desta coas copias de Valcavado, Girona ou da Seu de Urgell. A ausencia de calquera referencia a Spania, común noutras cartografías do momento, evidencia máis unha vez que naquela altura Gallecia e Spania servían para denominar realidades diferentes, empregándose a primeira para designar o reino cristián peninsular e a segunda, a área de hexemonía musulmá. Ao tempo, o mapa elaborado polos monxes de Tábara certifica o carácter hexemónico da área galega no contexto político cristián.

[Podes ler a información íntegra no número 331 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Máis en Mapas do reino
Comentarios