martes 25.02.2020

Bea Lema, a primeira muller que acada o premio Banda Deseñada Castelao

A coruñesa Bea Lema é a primeira muller que gaña o premio Banda Deseñada Castelao da Deputación da Coruña. Faino coa súa obra 'O Corpo de Cristo' que se impuxo na edición con máis obras presentadas do certame.

Bea Lema [Foto: Andrea Rodríguez]
Bea Lema [Foto: Andrea Rodríguez]

Un xurado composto por especialistas en banda deseñada decidiu hoxe cuarta feira que Bea Lema se convirta na primeira muller gañadora do Premio Castelao da Deputación da Coruña, o único do xénero no panorama cultural galego ao que se presentaron dezaseis orixinais, o maior número da súa historia.

O xurado estivo presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e formaban parte del Emilio Fonseca, gañador da anterior edición pola obra 'Fóra de marxe', e os autores Xosé Tomás, Natacha Busto e Pablo Auladell que decidiron a obra gañadora da nova edición do único certame de banda deseñada do panorama galego. O premio está dotado con 6.500 euros máis a publicación da obra pola Deputación da Coruña. O xurado decidiu deixar deserta a convocatoria destinada a público infantil.

O xurado valorou a “intensidade dramática sen caer no sentimentalismo” da obra de Bea Lema ademais da “sensibilidade para contar patoloxías mentais desde o punto de vista infantil”

O xurado valorou a “intensidade dramática sen caer no sentimentalismo” da obra de Bea Lema ademais da “sensibilidade para contar patoloxías mentais desde o punto de vista infantil”. A resolución do premio recoñece tamén o valor de 'O corpo de Cristo' á hora de “mostrar a resilencia dunha nena fronte aos problemas adultos” e, en canto o traballo gráfico da obra destaca que a autora prima unha “liña elegante e delicada que transmite atomósferas emocionais moi complexas, apoiándose en metáforas visuais moi intensas e potentes”.

Formada como deseñadora de produto pola Universidade da Coruña, Bea Lema (A Coruña, 1985) comeza a súa traxectoria profesional en 2010 traballando para a firma de cerámica Sargadelos. En 2013 crea, xunto a Xoan Torres, o proxecto Lelédacuca onde realizan obxectos que mesturan o deseño contemporáneo coa artesanía tradicional.

Descobre o mundo da ilustración e o cómic a través da nova xeración de debuxantes galegos. A partir dese momento comeza a sentirse atraída por este medio, sendo a súa primeira publicación 'Pasado ou Futuro?', un mini libro ilustrado premiado pola revista teórica de ilustración 'Fuera (de) Margen' en 2015. Nese mesmo ano é bolseira polo Festival Internacional de Ilustración Ilustratour para participar no proxecto Ilustradanza. En 2015 tamén se publica 'O Diario de Raquel',  ilustrado por ela . Recentemente foi seleccionada no II Concurso Internacional de Ilustración organizado polo festival Valladolid Ilustrado. Na actualidade é socia da cooperativa 7H, desde onde desenvolve o seu traballo en relación ao deseño de produto e a ilustración.
 

comentarios