Bautista Álvarez descóbrese como narrador con "Retallos daquela infancia"

“Retallos daquela infancia” é o título do novo libro de Bautista Álvarez. Non son ensaios nin discursos nin artigos xornalísticos

Bautista Álvarez
photo_camera Bautista Álvarez
 

O editor Manuel Bragado vén de anunciar no seu blog, Brétemas, a próxima publicación do libro de Bautista Álvarez, “Retallos daquela infancia”, sen dúbida, unha das sorpresas literarias da tempada por parte de quen foi tamén en Madrid, membro do grupo Brais Pinto, que compartiu con escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín, Alexandre Cribeiro, Ramón Lourenzo, Bernardino Graña., Xosé Fernández Ferreiro, Reimundo Patiño, César Arias, Herminio Barreiro ou o propio Ben-Cho-Sey, maiormente escritores.

O debut de Bautista Álvarez na literatura virá da man de Edicións Xerais que está a preparar o volume con dezasete relatos con presenza memorialística que verán a luz o vindeiro mes de xullo.

Doses de tenrura

Os relatos, segundo explica o director de Xerais, están “ambientados na súa infancia no seu territorio familiar da aldea de Loucía da parroquia de Lás do concello de San Amaro, preto do Carballiño. Acontecementos relevantes daquela comunidade aldeana dos anos trinta e corenta recuperados do esquecemento con memoria fotográfica e relatados con pulsión inequivocamente literaria, non exenta de retranca, intriga e doses de tenrura”.

O editor fala da grande sorpresa do ano e aventura fortuna literaria para a primeira obra do político nacionalista que anda a presentar nestes días o volume primeiro das súas Obras escollidas.  “Escritos con vontade literaria, utilizando unha lingua literaria de raíz popular, estes retratos e relatos populares de Bautista Álvarez emparentan con páxinas de Ánxel Fole, Castelao e outros autores da tradición do mellor relato galego do século XX”, valora Manuel Bragado, no tempo de edición da primeira obra literaria de Bautista Álvarez.

Comentarios