CRíTICA DE CINEMA

Batman v Superman: unha de cal e outra de area

Publicamos a crítica de cinema das quintas feiras. Nesta ocasión, Andrés Castro debúllanos o filme do que todos e todas falan: Batman v Superman.

batmansuperman1

BATMAN V SUPERMAN: O AMENCER DA XUSTIZA

Batman v. Superman: Dawn of Justice

(EUA 2016, 161 min.)

Dirección: Zack Snyder

Guión: David S. Goyer e Chris Terrio

Fotografía: Larry Fong                                                                   

Música: Hans Zimmer e Junkie XL

Elenco: Ben Affleck, Henry Cavill, Amy Adams, Jesse Eisenberg, Gal Gadot, Jeremy Irons, Laurence Fishburne, Diane Lane, Holly Hunter, Callan Mulvey, Tao Okamoto, Michael Shannon, Michael Cassidy, Scoot McNairy, Ray Fisher, Jeffrey Dean Morgan, Ezra Miller, Jason Momoa

SINOPSE

Dezaoito meses despois da destrutiva batalla de Metropolis, Superman converteuse nunha figura polémica ademais de acrecentar a carraxe do millonario Bruce Wayne/Batman, que ve en Superman o único responsábel das vítimas en masa que resultaron da pelexa co xeneral Zod.

CRÍTICA

Geeks e frikis de medio mundo levan lubricando un tempo imaxinando como sería a recreación na gran pantalla da épica pelexa entre Batman contra Superman. O resultado? Discrepancia total e absoluta. Mentres os fans saíron nunha especie de éxtase colectivo, a crítica especializada recibiuna con belixerancia e o resto de mortais “non fans” con certa indiferenza. E é que a sensación tras ver Batman v. Superman é que parece dirixida por dúas persoas distintas. Por momentos é absolutamente brillante e noutros é bochornosa. Por exemplo, comeza ben tratando de arranxar O Home de Aceiro dándolle algo de sentido ás consecuencias do desaguisado que desencadea a pelexa entre Zod e Superman e dándolle unha lectura política internacional bastante evidente, mais os segundos finais da fita son deses de levar as mans á cabeza previo suspiro de decepción.

Ben Affleck está xenial, mais só cando leva máscara

Os soños que ten Batman son brutais, os de Superman non. Ben Affleck está xenial, mais só cando leva máscara. A Muller Marabilla, interpretada pola modelo Gal Gadot, fará esquecer aqueles soños húmidos que provocaba Lynda Carter, pero a presentación da Liga da Xustiza é de vergoña allea. Jesse Eisenberg recrea un Lex Luthor bastante digno capaz de malmeter entre Batman e Superman para que pelexen, mais renxe cando crea o supervilán Doomsday.

En fin... unha de cal e unha de area, ese podería ser o resume de Batman v. Superman. Mal cando mete man a produtora, e ben cando parece fluír a creatividade visual de Snyder. E é que Zach Snyder converteuse en todo un experto en recrear escenas de BD para a gran pantalla: Watchmen e 300 calcan as viñetas, de Dave Gibbons/Alan Moore e Frank Miller/Lynn Varley respectivamente, con absoluto rigor. En O Home de Aceiro o seu estilo mudaba nunha mestura entre Christopher Nolan (produtor) e o peor de J.J.Abrams (as inoportunas luceciñas azuis). Batman v. Superman é continuación desta así que mantén esta dupla visual Nolan-Abrams pero desta volta incorpora a estética practicada en Watchmen adaptándoa a un Batman frankmilleriano, decadente e con sobrepeso.

O mordomo Alfred (Jeremy Irons) é un cínico incorrixible que pide a gritos máis minutos en pantalla

Un Batman interpretado por un Ben Affleck ao que lle seguiu a polémica desde o principio pero o certo é que cumpre, cando menos cando non fai de Bruce Wayne. Superman (Henry Cavill) perde, obviamente, protagonismo mais gaña en profundidade e músculos. O mordomo Alfred (Jeremy Irons) é un cínico incorrixible que pide a gritos máis minutos en pantalla. E pola súa banda Lex Luthor abandona o ton cómico que lle impregnara Gene Hackman para acabar convertido nun psicópata na liña do Joker/Heath Ledger cunhas pingas do carácter de Norman Osborn/Willem Dafoe.

En definitiva, unha película da que se poden dicir moitas cousas, pero nunca que non sexa entretida. Amarala ou odiarala pero de seguro retumbará nas túas tempas unha das frases que pasarán á posteridade: “Sangras?... sangrarás!!”. Batman v. Superman inicia así un Universo DC épico que promete, e non era sen tempo... Un universo máis escuro, adulto e decadente que o da autocompracente Marvel. Veremos en que acaba todo isto pero polo de pronto de seguro teremos bonequiños, disfraces e demais merchandising para aburrir.

Comentarios