Fanzine

Colectivo Barullo: "O fanzine leva no seu ADN a heteroxeneidade"

A mocidade de Valdeorras edita o fanzine Barullo para crear movemento cultural
O colectivo Barullo presentando o proxecto na praza do Sagrado do Barco de Valdeorras
photo_camera O colectivo Barullo presentando o proxecto na praza do Sagrado do Barco de Valdeorras

Hai xa un ano, en xaneiro de 2019, saía do prelo o primeiro número dun fanzine feito pola mocidade da comarca de Valdeorras. O colectivo que o edita dise un "medio de comunicación contracultural comprometido coa creatividade e a visión crítica". Desbordando orixinalidade fóra dos marcos, celebran co seu propio nome o diverso. Pois "Barullo é, por definición, ruído, unha mestura de cousas de distinto tipo".

Cando e como comezou o proxecto de Barullo?

Empezou a artellarse a finais de 2018, cando un grupo de mozas e mozos valdeorresas xuntamos forzas para pór en marcha un fanzine no que verter ideas e creacións. Queriamos xerar, na medida do posíbel, movemento cultural.

Cantas persoas están implicadas e como se organizan?

Barullo leva no seu ADN a heteroxeneidade, a mestura de voces diferentes. Para cada número tentamos ter novas creadoras e facemos un esforzo por non publicar sempre as mesmas. Con todo, xa contamos con algunhas "habituais", coas que comezamos o proxecto de Barullo Microedicións. Organizámonos asembleariamente, debatemos propostas e logo dividimos o traballo entre a xente que máis tempo vai tendo, xa sexa para maquetar, organizar os eventos de presentación, facer os envíos ou deseñar as portadas.

Organizámonos asembleariamente, debatemos propostas e logo dividimos o traballo entre a xente que máis tempo vai tendo

Que contidos teñen cabida no seu fanzine?

O fanzine inclúe pezas de narración breve, poesía, ensaio... E tamén fotografía, linogravados, debuxos, ilustración… Mesmo música e vídeo, cun código QR. Publicamos en galego, aínda que tivemos algúns textos en castelán e, no último número, en portugués.

Cantos números van xa? Cales son as perspectivas de futuro do proxecto?

Polo momento levamos catro números do fanzine e fixemos tres publicacións dentro do noso proxecto microeditorial, co mesmo formato que o fanzine, pero máis individual. No futuro encantaríanos seguir coa revista e abrindo novas liñas nesa microeditorial —polo momento temos lírica, narrativa e conto ilustrado. Quédanos pendente facer máis actividades entre as creadoras, como, por exemplo, obradoiros ou xornadas, para axudar a tecer comunidade.

No futuro encantaríanos seguir coa revista e abrindo novas liñas nesa microeditorial

Como é a acollida e a distribución? 

A acollida do público foi xenial. O primeiro número foi precario, feito cunha impresora da casa, e, aínda así, vendemos todo. O segundo encargámolo xa a unha imprenta e ampliamos o número de páxinas, pois quedabamos sen espazo. Para o terceiro reeditamos os anteriores e case se esgotan outra vez. Co novo número comezamos a facer envíos por correo. En canto á distribución, normalmente armamos Barullo en todas as feiras, festivais e espazos que nos prestan da comarca, e tamén habitualmente no BarBudos do Barco de Valdeorras.

Comentarios