As comarcas lucenses son as grandes protagonistas desta semana

O barrio lucense da Ponte e Monforte, a descuberto no caderno 'Gozar'

No caderno desta sexta feira Adela Figueroa Panisse analiza o paseo en ferrocarril entre Lugo e Monforte e descobre algúns dos encantos da vila, mentres Guido Álvare Parga fai parada no lucense Barrio da Ponte para explicar que é un paraíso na cidade do que moi poucas persoas poden gozar no mundo. O suplemento de ocio e lecer estará dispoñible co teu Nós Diario de mañá
Caderno Gozar 10/07/2020
photo_camera Imaxe da capa do novo número do caderno 'Gozar' (Foto: Nós Diario)

O caderno 'Gozar', que sae hoxe á rúa xunto co número de Nós Diario desta sexta feira, abre esta semana cunha reportaxe asinada por Adela Figueroa Panisse que leva por título 'Gozar do trem. De Lugo para Monforte'.

Nela, a autora ofrece bocadiños das paisaxes que se poden atopar en Monforte de Lemos pero tamén reflexiona sobre a necesidade de "reclamar as competencias" para que Galiza xestione os seus camiños de ferro.

Na sección 'Descobrir o país', baixo o paraugas do artigo 'Barrio da Ponte: un paraíso bimilenario en Lugo', Guido Álvare Parga conta os segredos desta zona menos coñecida da cidade lucense. Ademais de coñecer unha Reserva da Biosfera da Unesco ao pé da cidade, Álvare sorpréndenos cunhas bonitas imaxes da súa propia autoría.

Poderás atopar todo o artigo esta sexta feira no suplemento. Estará a venda nos quiosques, librarías, tendas, gasolineiras ou na loja online, para darche todas as facilidades posíbeis. Tamén estará dispoñible na rede a partir de mañá.

Unha taberna cultural en Vilar de Santos

O 'Selfie' da semana protagonízao Noemí Vázquez, a creadora da taberna cultural a Arca da Noe na Limia. E no 'Quen fai que' contámolo todo do ecoparque multiaventura de Marín e a recuperación do camiño de Santiago que fixo a Xeración Nós por parte do Consello da Cultura. Tamén descubrimos onde se degustan os mellores cafés feministas de Ourense.

En 'Tesouros' e 'Paraíso de viños' esta semana toman a palabra María Lafuente e o adegueiro Jose Crusat, respectivamente.

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Comentarios