Barreiro critica a nota da executiva da RAG na que tenta desmarcarse da elección de Filgueira

O que fora presidente da RAG, o historiador Xosé Ramón Barreiro critica que a executiva teña emitido un comunicado tentando desmarcarse da elección de Filgueira Valverde para o Día das Letras e admite unha “brecha” na institución. Barreiro foi un dos asinantes da candidatura de Filgueira. 

Xosé Ramón Barreiro
photo_camera Xosé Ramón Barreiro

Presidente da Real Academia Galega antes despois de Fernández del Riego e antes de que fora sucedido por Xosé Luís Méndez Ferrín, o historiador Xosé Ramón Barreiro terciou na polémica sobre a designación de Xosé Filgueira Valverde para o Día das Letras 2015 e lamentou a nota emitida na que a executiva da RAG tentaba desmarcarse da súa candidatura. 

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Xosé Ramón Barreiro admitiu a existencia  dunha “brecha” na institución que preside Xesús Alonso Montero despois de que Xosé Filgueira Valverde fora elixido por un voto de diferenza fronte a Celestino Fernández de Vega para ser homenaxeado o vindeiro Día das Letras Galegas. O historiador defende que a “fidelidade” á Academia debe primar á hora de eliminar esa fenda e considera que non lle atopa “ningunha razón nin xustificación posíbel a non ser que con iso se pretenda cubrir algúns desencontros internos nalgúns grupos, partidos, etc...”. 

Nega presións da Xunta

“Pensar que podiamos ter algunha presión é, non só un insulto a miña persoa en concreto senón unha falsidade que eu quero denunciar publicamente”, dixo Barreiro a respecto das acusacións de presións de membros do Goberno galego, acrecentadas despois de que fora precisamente o Secretario Xeral de Política Lingüística o que dera a noticia a través da súa conta de twitter. O episodio provocou tamén debate no seo da propia Academia xa que no remate da xuntanza reclamárase confidencialidade do resultado até a rolda de prensa posterior. 

Mais Barreiro criticou tamén o comunicado emitido pola Executiva da RAG cinco días despois da elección na que deitaba no plenario e na votación de cada un dos seus membros a elección de Filgueira, desentendéndose como órgano de goberno dos resultados da votación. Explicaba a Executiva que ningún dos seus membros apoiara ao candidato e o seu papel fora só facer cumprir o regulamento que rexe a competencia de elixir o autor ou autora que son protagonistas da homenaxe do 17 de maio. “Non foi feliz esa nota que sacou a Executiva”, dixo Barreiro dunha nota que, ao seu ver, “intenta fuxir a esa presión que procede de determinados antros e que pretenden dicir que hai como unha decisión directa do poder política cara alguén para presionar a favor de Filgueira”. 

Os inimigos están dentro

Asinante canda Francisco Díaz Fierros, Pegerto Saavedra e Ramón Villares Paz da candidatura de Filgueira Valverde, Xosé Ramón Barreiro afirmou que “son os propios da casa os que máis atacan a Real Academia sen coñecela”, para lamentar os “inimigos” que están dentro e o “ataque” á figura de Filgueira Valverde a quen definiu como “un polígrafo de corpo enteiro”. Convidou as entidades críticas e aos seus dirixentes a leren máis e formarse mellor para calibrar as súas valoracións. 

Comentarios