As bandas de música en galego contan cun novo concurso, o Eclosom

A Gentalha do Pichel bota a andar en Compostela o Eclosom, I Certame das músicas emergentes do Pichel

Roberto Sobrado Grupo
photo_camera Imaxe dunha actuación musical.

Arranca un novo concurso de bandas en galego, ao abrigo da Gentalha do Pichel, centro social de Compostela, co obxectivo de promover a aparición e consolidación de novas formacións musicais en galego, así como de fomentar e dar visibilidade á presenza das mulleres neste campo.

O Eclosom, I Certame das músicas emerxentes do Pichel, nace coa vontade de contribuír e axudar aos novos grupos e formacións “servindo como suporte para a difussom do seu trabalho”, así como promover “a visibilizaçom nos cenários às mulheres e às moças num espaço até hoje quase exclusivamente reservado para os homens”, ademais de “promover o uso normal da nossa língua num ámbito mais como é o da música”.

Alén diso, con este novo certame tamén se procura “reivindicar a Gentalha como ferramenta de difussom cultural para além dos eidos mais convencionais aportando o nosso graozinho de areia à música galega atual”.

O certame

Unha vez que se abra o concurso e se publiquen as bases do mesmo, comezará un período de tempo para que as formacións e as bandas acheguen o seu traballo. Despois seleccionaranse aquelas que cumpran os requisitos e presentaranse nas redes sociais. A partir de aí comezará  un período de votación para seleccionar as bandas que cheguen á final, que decorrerá na Gentalha, nunha gala cunha votación popular para escoller a mellor banda e cun xurado que dará tamén o seu veredicto.

As bases

Para poder participar no certame Eclosom de bandas emerxentes será necesario:

cantar en galego

contar coa presenza de mulleres

non ter publicado ningún disco e ter polo menos 4 cancións de creación propia e en galego

as comunicacións das bandas nos seus perfís das redes sociais deben ser en galego

as letras non poden conter mensaxes sexistas, homófobas, xenófobas, racistas ou calquera outro tipo de discriminación.

Inscricións

Os grupos deberán mandar a súa proposta a [email protected] un email con:

arquivos de áudio de polo menos 2 dos seus temas

unha pequena biografía do grupo e unha fotografía

links ás redes sociais e vídeos no caso de dispor delas

O prazo para presentarse ao certame acaba o 31 de xaneiro do 2017, ás 23.59h.

O xurado

O xurado encargado de decidir, xunto ao voto popular ,as gañadoras do certame estará formado por músicas, persoas de medios especializados e unha persoa representante do Pichel.

 O premio

O grupo gañador do certame recibirá como premio 300€ e atuará na Festa do Dezassete em Compostela, en 2017. 

Comentarios