A banda de gaitas do Irixo denuncia o impagamento do Concello ao profesorado da agrupación musical

O Goberno local asegura que a banda non desenvolveu as clases durante 2021.
Integrantes da banda de gaitas do Irixo. (Foto: Banda de gaitas do Irixo)
photo_camera Integrantes da banda de gaitas do Irixo. (Foto: Banda de gaitas do Irixo)

A decisión do Goberno local do concello do Irixo de cancelar unha actuación da banda de gaitas municipal, prevista para esta segunda feira pola festa que está a decorrer na parroquia do Campo, volveu desatar a polémica entre a agrupación musical e o Concello.

Un dos membros da banda de gaitas, Álvaro Penedo, explicou a Nós Diario que o concerto foi cancelado polo Goberno local “sen previo aviso” despois de que o Concello non pagase a contía exixida pola Deputación de Ourense para que fose adiante a actuación.

Neste sentido, Penedo subliña que a situación de confrontación entre a banda de gaitas municipal e o alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira, “vén de lonxe, non é algo de agora”.

Segundo detallou o integrante da agrupación musical, a banda foi recuperada en 2017 por antigos alumnos e alumnas. En 2020, asinaron un convenio co Goberno local no que este se comprometía a abonar e financiar con 7.200 euros a remuneración dos docentes de gaita e percusión.

Impagamento ao profesorado

En 2020, como consecuencia da pandemia, as sesións tiveron que ser impartidas de maneira telemática, mais en 2021 a agrupación retomou a presencialidade.

Porén, o Concello asegura que durante estes anos a banda non desenvolveu as clases, a pesar de que os integrantes da mesma afirman que o labor docente pode ser demostrado “cos listados de asistencia e coas actuacións que a ofreceu a agrupación en 2021, como a súa participación no XII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas que decorreu no mes de xullo no Concello de Cea, o concerto no II Encontro Músico-Cultural de agosto non concello do Irixo e un concerto de Nadal en decembro”.

A banda viuse obrigada a paralizar as actividades da Asociación o pasado 18 de xuño ante a situación de impagamento, que vai máis alá da remuneración do salario dos docentes da banda de gaitas, xa que tamén afecta á compra de material para o mantemento dos instrumentos que emprega o alumnado, como baetas, ou a propia rehabilitación do local de ensaios da agrupación, que se atopa nunha “situación lamentábel”.

A banda lamenta “a falta de compromiso, seriedade e respecto cara a un grupo de case 30 músicos de diferentes idades e localidades, que levan o nome do Irixo por toda a comarca”, e reclama o pago das cantidades debidas polo Goberno local en concepto das clases impartidas.

Comentarios