'Banda á feira' leva o cómic ás rúas de Vigo

A asociación veciñal do Calvario, en Vigo, xunto con librarías especializadas, debuxantes e amantes do cómic organizarán esta fin de semana (4 e 5 de xuño) o festival 'Banda á feira' polas rúas deste barrio vigués. A aventura busca iniciar unha andaina coa que promocionar artistas propios e dar a coñecer esta arte visual.
Detalle do cartel desta primeira edición de 'Banda á feira', obra de Julio Martínez, 'Das Pastoras'. (Ilustración: Das Pastoras)
photo_camera Detalle do cartel desta primeira edición de 'Banda á feira', obra de Julio Martínez, 'Das Pastoras'. (Ilustración: Das Pastoras)

A banda deseñada nunca foi allea á cidade de Vigo, proba disto é a presenza de librarías especializadas e non poucos exemplos de debuxantes que naceron nela ou escollérona para fixar a súa residencia. Das primeiras podemos falar de ‘Banda deseñada’, o local rexentado por Melo e dos segundos podemos sinalar a Fernando Llor e Miguel Porto, autores de Subnormal, un cómic sobre o acoso escolar.

Do outro lado están as persoas receptoras das historias ilustradas, seguidoras e seguidores que manteñen viva a paixón polas historias contadas en viñetas.

Malia todo, a cidade olívica non ten na actualidade un evento de referencia neste eido. Sabedores desta situación, desde a Asociación de Veciñas e Veciños do Calvario pensaron que o barrio podería ser quen de contar cunha experiencia que resultase positiva, tal e como acontece noutras cidades galegas, organizando un evento relacionado coa banda deseñada.

A proposta informal de Raúl Fontán, presidente da asociación veciñal, pasou a ser un proxecto en firme que contou, ademais de coa participación de Melo e Fernando Llor, coa colaboración directa de Félix Rodríguez e Fabián Valero

Dous días de banda deseñada na rúa

O proxecto tomará vida esta mesma fin de semana, 4 e 5 de xuño, co nome de ‘Banda á feira’ e pretende achegar o cómic á poboación sacándoo ás rúas. Recoñecéndose como "un evento humilde e coa filosofía clara de facer que todo o mundo poida gozar do cómic", sinala Félix Rodríguez a 
Nós Diario. O evento propón charlas, talleres para as nenas e nenos, ademais de varias exposicións dispostas ao longo da zona peonil da rúa Urzáiz, nos arredores do Mercado do Calvario.

Durante estas dúas xornadas visitarán a cidade varios autores do panorama nacional e estatal. O sábado Carles Dalmau (Planeta Manga) realizará un obradoiro de técnicas dixitais (sede veciñal, 12 horas) e unha charla coloquio con Anabel Colazo (Encuentros cercanos, Espada) ás 18 horas. Unha hora despois ambos asinarán a súa obra xunto a outras e outros artistas locais.

O domingo, a charla coloquio estará será ás 11 horas e nela participarán Borja González (The black holes, Grito nocturno) e Mayte Alvarado (La isla). Ao remate, tamén asinarán as súas obras en compañía de artistas da zona. "No apartado de autoras e autores locais a nosa intención é dar a coñecer o seu traballo", indica Rodríguez, "por este motivo contamos con 20 debuxantes que xa confirmaron a súa presenza no Calvario, a maior parte son de Vigo", engade.

Unha boa parte da obra das e dos debuxantes que estarán nesta edición de 'Banda á feira' poderá verse estes dous días nunha exposición ao aire libre que encherá de arte as rúas do barrio. A mesma completarase cunha mostra de Subnormal, o cómic de Llor e Porto. 

Cartel de Julio Martínez,  'Das Pastoras'

O cartel para esta primeira edición de 'Banda á feira' é obra de Julio Martínez, coñecido artisticamente como Das Pastoras, e con grande arraigamento na cidade olívica, unha auténtica lenda do mundo do cómic que traballou en grandes compañías como Marvel e participou en títulos inesquecíbeis como La casta de los metabarones xunto a Alejandro Jodorowsky.

A intención do cartel é mostrar unha celebración, unha festa ao redor do cómic que ten varios personaxes emblemáticos como protagonistas fronte a un dos enclaves máis recoñecíbeis e con máis historia do barrio: o mercado municipal.

“Penso que agora hai un especial rexurdimento do cómic en papel, hai moitas iniciativas e todas moi interesantes”, apunta Félix Rodríguez en declaracións a este xornal, ao tempo que salienta, como exemplo, “a gran cantidade de títulos e unha especial creatividade en traballos para todos os públicos, tamén en infantil que estaba un pouco abandonado”, engade.

Por este motivo agarda que o evento sea todo un éxito e "se cadra teña continuidade no futuro con novas edicións".

Comentarios