Un banco dixital de boas prácticas culturais

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural vai poñer en marcha un banco dixital de boas prácticas culturais, que vai financiar a Deputación da Coruña. Cóntanos que demo é iso o seu presidente, Alberte García.

bancoculturas
photo_camera Xuntanza esta mañá entre a AGPXC e a Deputación da Coruña

Alberte García, presidente da AGPXC, explícanos que consistirá nun repositorio web no que se identifican e se achega información e contidos de toda unha serie de experiencias culturais de interese desenvolvidas en Galiza ademais doutras de lugares próximos. Todo isto concretarase nunha web chamada 'Boas prácticas en xestión cultural' que verá a luz despois do verán, grazas ao financiamento da Deputación da Coruña. 

Algúns exemplos de proxectos "referenciais", segundo Alberto García: o Festival de Cans, o Fálame de San Sadurniño, o Festival Sinsal ou o FIOT de Carballo. 

"Quere ser un escaparate para dar a coñecer o moito e bo que se fai aquí no sector da xestión cultural, cun dobre obxectivo: coñecernos nós mesmos e darnos a coñecer fóra", explica García, quen defende que unha ferramenta coma esta é importante "tamén como autocoñecemento porque temos moitos referentes foráneos, pero aquí tamén se están a facer proxectos moi valorables. Toda a vida viñeron a ser cabeza de cartel os de fóra, e esta é unha profesión que hai que reivindicar, como todas". E cita algúns exemplos de proxectos "referenciais", algúns deles premiados, como o Festival de Cans, o Fálame de San Sadurniño, o Festival Sinsal ou o FIOT de Carballo. 

Un proxecto "de código aberto"

Cada un proxectos que se referenciarán na web incluirán tamén a metodoloxía, seguindo a filosofía 'open source': "Queremos abrir o código, que a xente comparta os seus coñecementos e formas de facer para que poidamos aprender todos", salienta o presidente da AGPXC, unha organización que está a facer un "importante esforzo de artellamento da profesión" en Galiza. 

Ligado ao banco dixital, tamén promoverán un selo de calidade para os proxectos que cumpran cuns determinados criterios, e organizarán visitas dos asociados aos eventos de referencia do país.