A Baña reivindica a figura de Avelino Pousa Antelo e noméao fillo predilecto

O pleno municipal nomeará fillo predilecto a Avelino Pousa Antelo e o recoñecemento prolongarase coa colocación dunha placa conmemorativa na Casa da Cultura, un xantar de irmandade e unha presentación literaria. 
Avelino Pousa Antelo (Foto: Santos Díez, Ollo de Vidro-ACAB).
photo_camera Avelino Pousa Antelo (Foto: Santos Díez, Ollo de Vidro-ACAB).

A Baña nomeará este sábado Avelino Pousa Antelo fillo predilecto nun acto que terá lugar ás doce do mediodía na Casa do Concello.

O intelectual, escritor e mestre recibirá a homenaxe póstuma da veciñanza do lugar que o viu nacer hai 108 anos, un recoñecemento que se prolongará coa colocación dunha placa conmemorativa na Casa da Cultura, un xantar de irmandade e unha presentación literaria. 

Placa e libro

Despois do pleno, na Casa da Cultura descubrirase unha placa conmemorativa. Intervirán no acto Quico Domínguez (representante da Fundación Penzol); Miguel Anxo Seixas (Fundación Castelao); Xosé R. Fandiño (Fundación Padroado Pedrón de Ouro); Amancio Liñares (historiador e escritor); César Ramos (concelleiro da Baña); un representante do Concello de Teo, no que Pousa Antelo viviu os seus últimos anos; o cantor e deputado Xosé Luís Rivas 'Mini'; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Carme Varela, filóloga e escritora; e un familiar.

O músico Emilio Lois musicará o acto e interpretará o Himno Nacional.

A homenaxe continuará cun xantar de irmandade e, xa pola tarde, presentarase na escola vella de Barcala o libro As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega (Ed. Valentín Arias/Amancio Liñares), na que se recollen as súas intervencións nas ondas.

Unha vida de activismo

Avelino Pousa Antelo (A Baña, 1914-Teo, 2012) foi un dos intelectuais máis activos na Galiza do século XX. Mestre e dinamizador do rural, o golpe de Estado impediulle exercer como docente mais chegou a dirixir a Escola Agrícola de Granxa de Barreiros, sumouse ás iniciativas para revivir o Partido Galeguista e presidiu a Fundación Castelao.

Comentarios