Accésit para Óscar Senra e Fernando Epelde

'Baleiro', de Gabriel Gómez, faise coa terceira edición do Premio Selic

Baleiro, de Gabriel Gómez faise co premio Selic na súa terceira edición, xunto a el, as obras de Óscar Senra, O novelo, e de Fernando Epelde, Partida salvada conseguen cadanseu accésit.
Gabriel Gómez Estévez
photo_camera O gañador, Gabriel Gómez Estévez. (Foto: Santos-Díez)

A concelleira de Acción Cultural do Concello de Compostela, Mercedes Rosón, fixo hoxe o anuncio da obra gañadora da terceira edición dos Premios Selic (Semana do Libro de Compostela), que recaeu en Baleiro, de Gabriel Gómez Estévez. Outras dúas pezas, O novelo, de Óscar Senra e Partida salvada, de Fernando Epelde, foron merecedoras de cadanseu accésit.

De Baleiro o xurado quixo destacar a súa orixinalidade, pois Gabriel Gómez propón un futuro distópico no que se debuxa un cambio na situación política da Galiza e tamén unha historia persoal. “A proposta supón unha novidade argumental”, explican, “no panorama da narrativa actual, na que a crítica e o tratamento irónico do cotián están moi presentes”.

No referido ás novelas galardoadas con accésit, O novelo e Partida salvada, o xurado destaca da primeira “o retrato da cidade de Compostela elaborado desde diferentes perspectivas e personaxes diversos mediante o xénero policial”.

Unha narración que o autor, Óscar Senra, explicou, en rolda de prensa, que non define como novela, senón como unha serie por capítulos.

"Unha obra que vén a completar o universo das outras que publiquei, moi centrada no presente, escrita no confinamento", que define "como me sentía no momento", conclúe.

En Partida salvada, peza de teatro de Fernando Epelde, o xurado valorou a combinación de historias xeracionais e historias persoais, ao tempo que achega unha reflexión sobre os usos da lingua. 

Segundo Mercedes Rosón, a esta edición dos premios presentáronse 34 obras: 18 de poesía, nove de narrativa, seis de teatro e unha de ensaio, incorporada este ano á convocatoria. Ademais a contía dos galardóns incrementouse, sendo de 6.000 euros para a obra gañadora e de 1.500 para cada accésit.

Comentarios