Galaxia reedita o influínte libro en galego de Luisa Castro

'Baleas e baleas', poemas entre as cousas que non valen

As marcas da poesía galega contemporánea non sempre resultan evidentes. Hai libros cuxo rastro ninguén discute e hai outros cuxa influencia é subterránea. Como a toupeira. Entre estes últimos figura Baleas e baleas (1988), o inencontrábel volume en galego de Luisa Castro que Galaxia vén de reeditar.
 

Luisa Castro ©Lisbeth Salas
photo_camera A escritora Luisa Castro. Foto: Lisbeth Salas.

“Nos últimos 30 anos, sempre que houbo renovación estética ou mudanzas na poesía galega, Baleas e baleas estaba por aí”, sinala Ismael Ramos, coordinador de novos proxectos na editorial e el mesmo poeta, “moito máis alá da poesía dos 90”. Dío porque o consenso crítico adoito mencionou a obra de Castro como pedra angular das poéticas desa xeración: “Pero se un vai vendo o que veu despois, tamén nota a presenza de Baleas e baleas”.

Baleas e baleas

En 1988, o centro do panorama ocupábano propostas que retrucaran, en boa lide, o denominado socialrrealismo. Venecianismo, decadentismo, culturalismo foron algunhas das etiquetas que triunfaron na época. Luisa Castro (Foz, 1966), de apenas 22 anos, abría fendas. Percorría outros mundos. Abandonaba certas inercias. “Achegou un aire novo”, indica Ramos, “foi un libro moi libre, rompedor”.

“Ah! Dixen eu, entón son filla do mar. / Non. / Eres a filla dun día de descanso. / Ah, dixen eu, / son a filla da hora do bocadillo. / Si, detrás, entre as cousas que non vale”, remataba un dos poemas máis célebres, e celebrados, de Baleas e baleas. “No seu día, sorprendeu ese imaxinario surrealista e as varias capas de discurso que contén”, expón o editor, “mais agora, coas relecturas, descubrín un discurso por baixo sobre a tranformación económica de Galiza”.

En Baleas e baleas aparecen, estrañadas, fábricas, as conserveiras, buques baleeiros. Os ecos de como o modelo produtivo entrou en metamorfose a consecuencia do ingreso na Unión Europea. No medio, fulguracións imaxinistas, en que por veces parece respirar a lectura Manuel Antonio: “Podo estar segura: / no ventre das baleas só resido eu / agardando a hora / de que atraquen os barcos”. E mundos que, efectivamente, determinaron conspiracións posteriores: Estevo Creus, Lupe Gómez, Eduardo Estévez, María Lado, o propio Ismael Ramos.

Baleas e baleas esgotouse ao pouco de saír do prelo, en 1988 e da man da desaparecida colección Esquío. Oito anos despois, rescatouno, en versión bilingüe galego castelá, a editorial Hiperión. A autora suprimiu algúns textos. Volveuse esgotar. Recuperouna na poesía reunida, tamén da man de Hiperión, en 2004: Señales con una sola bandera. Outro volume fóra de mercado.

A versión que agora coloca Galaxia -e que presentará en xuño en Compostela- nas librarías baseáse na de 1988. Apenas pequenas mudanzas e unha nota da autora como novidades respecto a aquel libro que, silencioso, mudou algúns rumbos na poesía galega. Luisa Castro, fóra do libro de artigos xornalísticos Melancolía de sofá (Xerais, 2009), só volveu publicar en galego algúns poemas nas súas obras maioritariamente escritas en castelán.

Nota: cuberta da edición de Galaxia de 'Baleas e baleas'.

Comentarios