Baiuca, Treixadura e Xabier Díaz levarán a música do Revenidas máis alá de Vilaxoán

Ribadeo, Lugo e Celanova acollerán as actuacións destes artistas entre os meses de setembro e outubro.
O galego Baiuca nunha imaxe publicitaria. (Foto: Baiuca)
photo_camera O galego Baiuca nunha imaxe publicitaria. (Foto: Baiuca)

O Festival Revenidas, que este ano decorrerá entre o 7 e o 11 de setembro en Vilaxoán, no concello de Vilagarcía de Arousa, contará cunha programación especial, da man do Xacobeo 21-22, que levará varios concertos a Ribadeo, Lugo e Celanova.

En concreto, Baiuca, Treixadura e Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre actuarán nestas vilas entre os meses de setembro e outubro. Segundo explican os organizadores do Revenidas, esta programación especial responde ao "afán de promoción da música e da lingua galega".

Concertos fóra de Vilaxoán

O primeiro dos concertos, que  correrá a cargo de Baiuca, terá lugar esta sexta feira en Ribadeo. Nun comunicado, a organización do Revenidas define o artista como " principal expoñente da translación da música tradicional á contemporaneidade a través da súa mestura coa electrónica".

A seguinte actuación, de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, será o 17 de setembro en Celanova, unha vez xa rematada a programación tradicional do festival en Vilaxoán. Neste concerto, o músico coruñés presentará un espectáculo "único", baixo o nome de 'O Camiño da Pedra'. Nel, varios artistas subiranse ao escenario con Díaz e as Adufeiras para acompañalos nun concerto no que revisarán os temas máis significativos dos seus repertorios. 

Entre estes artistas figuran Margarida Mariño (A Galiza), Daniel Pereira (Portugal), Carola Ortiz (Catalunya), Carlos Herrero e Héctor Castillejo, músicos do grupo El Naán (Castela e León), e Donald Shaw e Karen Matheson (Escocia).

O último dos concertos, a cargo de Treixadura, decorrerá en Lugo o 23 de outubro. "É  unha banda de referencia da música tradicional que está a celebrar o seu 30 aniversario e que combina a mestura das formacións dos grupos de gaitas cos orfeóns de voces masculinas", detalla a organización do festival.

Programación en Vilaxoán

O vindeiro 7 de setembro comezará unha nova edición das Revenidas. Esta mesma semana, colgáronse na páxina web os horarios dos cinco días de concertos, cunha ampla presenza de artistas e bandas en galego.

Así, o día 7, a cantante Sinner será a encargada de abrir o festival, seguida de Boyanka Kostova. Durante os seguintes días, SonDaRúa, Bratzantifa, Grande Amore, Dakidarría, Monolious Dop, as Tanxugueiras e A Banda da Loba, entre outras bandas e artistas, farán desfrutar ás asistentes da boa música que caracteriza o Revenidas.

Comentarios