'Misturas' é o seu novo EP

Baiuca avanza na súa investigación sobre electrónica e folclore galego

Baiuca, o proxecto de Álex Casanova, é un laboratorio. O seu obxecto de investigación, o hipotético territorio onde se cruzan electrónica máis ou menos experimental e folclore galego. O pasado ano irrompeu por sopresa con Solpor, un disco tan inesperado como desafiante, tan ousado como inaugural. Misturas, o seu novo EP, avanza nunha praxe singular que o levou a palcos independentes de todo o Estado.
 

álex casanova baiuca
photo_camera Álex Casanova, Baiuca. Foto: cedida.

As cinco novas cancións de Baiuca, dispoñíbeis nesta ligazón, “reconstrúen e redimensionan” o debut discográfico de Xosé Lois Romero & Aliboria, un dos traballos máis renovadores da escena tradicional. Faino a partir das pistas de gravación orixinais. “Non falamos nin de versións nin de remesturas”, explican desde o selo de Baiuca, raso, “senón de recompor parte daquel repertorio desde outra mirada e outra xenética”.

baiuca - misturas EP (cuberta, 2019)

O resultado é unha especie de trance ancestral, folk electrónico coas voces de Aliboria como memoria do futuro. “Mantense a racialidade salvaxe [do orixinal], pero, á súa vez, lévase a un novo estadio, en que se lle fai as beiras non só á electrónica senón a outros ritmos orientais e ibéricos e con estruturas pop inmediatas”, engade a discográfico raso.

Polos apenas explorados camiños que discorren entre o folclore e a electrónica transitaran antes outras artistas. Mercedes Peón foi a que levou a proba máis preto das súas últimas consecuencias, sobre todo no seu álbum SÓS (2011). Tamén en Déixaas (2018). Projecto Trépia, de Pontevedra, internouse igualmente hai unha década por entre programacións e percusión de sacho e pandeiro.  

Mais Solpor, o disco de Baiuca, supuxo unha aposta decidida, a todo ou nada. Partiu das analoxías rítmicas e ergueu un edificio peculiar, de certo xeito vangardista e ao tempo dirixido a un potencial público de amplo espectro. Misturas afonda e radicaliza a idea.

Nota: cuberta de Misturas, o novo EP de Baiuca, só editado en formato dixital.

Comentarios