Baiuca e Andrés Suárez actuarán no Festival Sons de Ánkar de Poio

O festival terá lugar do 8 ao 9 de xullo e dará inicio á programación de verán deste municipio que recupera a Festa do Mar e a Festa da Ameixa.
O galego Baiuca nunha imaxe publicitaria. (Foto: Baiuca)
photo_camera O galego Alejandro Guillán, Baiuca nunha imaxe publicitaria. (Foto: Baiuca)

A música volverá ao parque de Ánkar, na parroquia de San Salvador en Poio. O Concello anunciou onte que repite experiencia co festival que leva o nome do lugar con actuacións os días 8 e 9 de xullo a partires das 22 horas.

O cartel deste ano, presentado polo concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, terá como protagonistas as actuacións de Baiuca e o cantautor Andrés Suárez

“É unha oferta de lecer plenamente consolidada, que naceu durante o contexto que vivimos durante a pandemia da Covid-19 en veráns anteriores e que chegou para quedarse”, afirmou o edil que salienta a traxectoria dos artistas que protagonizan esta nova edición do festival. 

Baiuca, o proxecto musical dirixido polo catoirense Alejandro Guillán, volve actuar en Poio despois de atraer a un gran número de asistentes ao concerto ofrecido no municipio o pasado verán.

Pola súa banda, o ferrolán Andrés Suárez chegará ao Sons de Ánkar no medio dunha gran xira, na que, ademais de presentar os seus últimos temas, non faltan as súas cancións máis coñecidas, dentro dunha ampla traxectoria musical que comezou hai xa 20 anos. 

Artistas de proxección internacional

“Estamos a falar de artistas galegos que hoxe en día son coñecidos e referentes máis alá das nosas fronteiras, polo que estamos convencidos de que axudarán a continuar consolidando esta aposta musical como un dos pratos fortes do programa Verán en Poio”, sinala o concelleiro de Festexos. 

O Sons de Ánkar supón, segundo Martínez, o inicio dunha programación musical ampla que se estenderá por todas as parroquias de Poio ao longo do verán, tanto a través de concertos como de actuacións programadas dentro de citas como a Festa do Mar ou a Festa da Ameixa.

Comentarios