Espectáculo de Sol Picó

Bailando con sapos, lumbersexuais e neomacarras

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle ás 20:30 horas de hoxe o último espectáculo da coreógrafa valencià Sol Picó, dentro do ciclo TRC Danza.

[Foto: Compañía de Sol Picó] Imaxe do espectáculo 'Dancing with frogs'
photo_camera [Imaxe: Compañía de Sol Picó] 'Dancing with frogs'

Dancing with frogs é un espectáculo de gran formato que investiga o xénero e o mundo da masculinidade. A coreógrafa Sol Picó cuestiona e analiza estes tópicos concibíndoos como “esa outra metade, o complemento biolóxico do feminino”. Neste senso, pregúntase “Que é o masculino sen o feminino? Hai límites entre eles? Como vive, sente, acciona, sofre, se relaciona co mundo, o home do século XXI?“

Esta temática xa aparecera en anteriores pezas da coreógrafa, que atenden ao universo feminino, cuestionando os estereotipos de xénero, como pode ser WW We Women ou Només Som Dones. Deste xeito constrúe unha composición que desafía os límites “bailando con sapos, lumbersexuais, neomacarras, metrosexuais e andróxinos, nunha aventura aceda, sucia, vándala e traxicómica”. A compañía de Sol Picó, con sede en Barcelona desde hai máis de 25 anos, é unha referencia da historia da danza en España, recoñecida co Premio Nacional de Danza en 2016 ou o Premio Ciutat de Barcelona en 2014.

Tras a función, haberá un coloquio coa compañía, incluído dentro da programación expandida que caracteriza o ciclo. Atendendo tamén a esta idea, proxectouse a pasada cuarta feira 23 de outubro o documental de Susanna Barro “De rodillas corazón” sobre a coreógrafa, que tivo ademais unha práctica no conservatorio de danza especialmente dirixida ao alumnado na que partillar coas estudantes e persoas interesadas a súa particular concepción do movemento.

TRC Danza

A programación de outono do TRC Danza esténdese até decembro, cos espectáculos Los limones, la nieve y todo lo demás (Matarile Teatro, 31 de outubro), Carmen.Maquia (Titoyaya Dansa, 15 de novembro), Likes (Nùria Guiu, 30 de novembro), Suddenly III (Osa + Mujika, 5 de decembro) e The lamb (Kor’sia, 21 de decembro).

Comentarios