Que facer?

Música a esgalla esta fin de semana

Sharon
photo_camera A irlandesa Sharon Shanon estará esta fin de semana no Festival Intercéltico do Morrazo

Festival Intercéltico do Morrazo

Moaña

Sexta feira e sábado

O Festival Intercéltico do Morrazo celebra os 35 anos cunha edición que aposta en artistas femininas referentes da música folk nacional e internacional, por mostras de instrumentos tradicionais e máis actividades paralelas. A cita arranca na quinta feira, 25 de xullo ás 19.30h, co desfile e a actuación dos grupos folclóricos de Moaña: Gaiteiros de Moaña, Acf Solaina Moaña, Breogán de Moaña, Moañesa de Música e Danza, asociación cultural e folclórica Charaviscas e a AFCX Meiramar-Axóuxeres. Xa á noitiña, a partir das 22.30h, contarán coas actuacións de Habelas Hainas e da banda escocesa Talisk. Na sexta feira, 26 de xullo, ás 22.00h, subirán ao escenario as tamén escocesas Kinnaris Quintet xunto coas Tanxugueiras. O sábado 27, ás 22.00h, Anxo Lorenzo presentará o seu novo álbum, Vortex, e, para poñer o ramo, Sharon Shannon, a revelación da música trad irlandesa. 

Mapa de desexos de Luís Seoane

A Coruña. Fundación Luís Seoane

Até 3 novembro

Vén de inaugurarse “Mapa de desexos”, a nova exposición que recolle boa parte da obra de Luís Seoane e na que se estabelecen novas olladas sobre unha das figuras máis importantes e poliédricas da cultura galega. A mostra, que nace coa pluralidade de máis de cen persoas participantes encargadas de seleccionar as diversas pezas que a compoñen, xunta perto de setecentos elementos entre óleos, gravados, carteis e debuxos de Luís Seoane. Unha maneira diferente de romper barreiras e crear diálogos máis directos entre público, autor e obra. Comisariada por Silvia Longueira e baixo coordinación de Antón Lezcano, a exposición “Mapa de desexos” poderá verse até o 3 de novembro de 2019 na Fundación Luís Seoane . 

Bravas

Carballo. Praza do Concello

Sexta feira (21 h)

A Gramola Gominola, banda de rock&roll en galego, presenta o seu último traballo Bravas. O rexurdir da luz, un espectáculo co que poñen en valor as superheroínas.

XVI Festival Castelo Rock

Muros

Sexta feira e sábado. 

O Castelo Rock xunta na fin de semana bandas como Aphonnic, Gatillazo, Desakato, Deleiba, Sinkope, Kaótiko, Skindred ou Heredeiros da Crus, entre outras.

XIII Festival Nigrán Jazz

Sexta feira e sábado. Diversos espazos

O programa inclúe unha masterclass con Deborah J. Carter, jam session con Rubén Fernández e Sunil López Cuarteto, e concertos de Pablo Castaño Quartet e Martín Lopo Trío, entre outros.

II Festival do Alto Navia

Negueira de Muñiz. Área recreativa da Veiga 

Sábado (15 horas).

Haberá foliada, xogos populares e tradicionais, rutas en kaiak e competición en canoa, máis música da man de Iria Estévez, Candorka Trío, Los Pontiaks e Banda Crebinsky.

Carapuchiña Vermella

Vilariño de Conso. Área recreativa da Praia Fluvial 

Sábado (19 h)

EducaTeatro Producións propón neste espectáculo unha nova representación do clásico dos irmáns Grimm, Carapuchiña Vermella.

Entroido quente

Maceda

Sábado (13 h)


O evento comeza na sesión vermú coa charanga A Felga, ralli do humor, pasarrúas de BCB e concertos de Los Vecinos del Callejón, Festicultores Troupe e Mad Martin Trío.

XVII Festival Internacional de jazz e blues

Pontevedra. Diversos espazos.

Até domingo.

A cidade do Lérez fecha xullo a ritmo de jazz e blues coa XVII edición do seu Festival Internacional. Ademais das jam sessions e do jazz na rúa, a programación inclúe na quinta feira 25 de xullo, ás  22.30h, a música ao vivo de Joey de Francesco Trio; na sexta feira, á mesma hora, concerto de Judith Hill; o sábado 27 de xullo, con José James; e xa o domingo serán Gabriel Peso Trío quen se encargue de poñer o ramo ao festival. 

 

Comentarios