"A Academia está secuestrada e envilecida"

Axeitos supón que na RAG darán a cara os que puxeron ao fronte da institución "un home de palla"

As tensións non minguan no seo da RAG. As voces discrepantes na institución da rúa Tabernas voltaron a se expresar esta semana nunha entrevista na Radio Galega co académico Xosé Luís Axeitos, moi crítico con Alonso Montero. Sobre a elección á presidencia, axendada para abril, supón que "terán que dar a cara" aqueles que puxeron ao fronte da institución "a un home de palla". 

Xosé Luís Axeitos
photo_camera Xosé Luís Axeitos

Axeitos, secretario da RAG durante a etapa de Méndez Ferrín como presidente, bate contra a equipa de Alonso Montero, á quen responsabiliza do estado da institución que, na súa opinión, se caracterizaría por estar "moi pouco democratizada" e por ter un "défice moi importante da actividade propia do mundo académico".

Neste sentido, Axeitos critica a lentitude da RAG na elaboración dunha nova gramática galega: "Unha gramática que leva 16 anos esperando, despois de librar á Academia 120.000 euros e non temos unha gramática! Esa é a responsabilidade dunha institución prestixiosa como é o ILG e de Rosario Álvarez...".

En abril está axendada a elección dunha nova presidencia para a institución. "Eu máis que da presidencia falaría doutras cuestións. A Academia está secuestrada, está envilecida", dixo, cumprindo funcións máis propias dunha "asociación cultural" -apresentacións de libros, homenaxes- do que dunha institución científica.

Axeitos: "Levamos 16 anos esperando pola gramática. Despois de librar á Academia 120.000 euros e non temos unha gramática!"

Considera probábel que as persoas responsábeis dese "secuestro" teñan agora que "dar a cara" perante o futuro proceso eleitoral interno, sendo que "non renovarán a confianza nun home que foi un home de palla alí", di en alusión a Xesús Alonso Montero. "Agora teñen que dar a cara eles. Segue sen haber diálogo, seguen postergando a xente, etc". Coa equipa de Alonso Montero a RAG, entende Axeitos, virou nunha "institución subsidiaria do Consello da Cultura Galega, da Xunta, e de intereses totalmente alleos a unha institución que foi unha referencia pola súa independencia e pola súa seriedade ao longo do tempo".

A RAG só voltaría a ser unha entidade con prestixio no campo académico se se crear "un certo consenso" arredor dun programa que non sexa "capitaneado" por "xente" que teña "as mans manchadas por cousas que se fixeron, filtrando información, etc, etc". "Esa xente se está aí sempre será obxecto de contestación e de crispación", alega.

"Para deixar de ser unha mala asociación cultural, hai que retomar o diálogo, sentar a falar seriamente, ver que persoas poden reconducir isto, fechar certas feridas que se abriron e mentres isto non ocorra non teremos unha RAG á altura das circunstancias", conclúe o académico.

Comentarios