Axeitos recoñece tensión no interior da Academia por parte do ILG e o CCG

O secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos despáchase hoxe nunha entrevista na Voz na que acusa ao ILG e ao Consello da Cultura de quereren “colonizar” á Academia. As declaracións demostran tensión interna na institución con sede en Tabernas.

 

Varios son os membros do ILG que teñen presenza na sede da rúa Tabernas. Antón Santamarina, Charo Álvarez ou Fernández Rei son tres das influintes figuras do Instituto que teñen cadeira na Academia. Tampouco o Consello da Cultura e os seus membros están mal representados en Tabernas. O propio presidente Ramón Villares, Henrique Monteagudo ou o mesmo Vítor Freixanes son asimesmo membros destacados da institución que preside Ferrín.

As declaracións hoxe do secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos levantan máis o lume e por vez primeira sacan fóra en voz propia unha tensión que se coñecía desde hai tempo e que se ve agravado coas acusacións de nepotismo e de contratación de familiares por parte da directiva de Ferrín, da que o historiador de Rianxo forma parte.

Axeitos abre a espita a un enfrontamento do que ninguén é quen de calcular as forzas, habida conta de que Consello e ILG estiveron sempre abondosamente representados en Tabernas.

Axeitos xustifica a política de contratación e, ao seu ver, a filla de Ferrín entrou no cadro persoal ao se tratar dunha función moi específica e o seu fillo estaba vencellado á institución antes del entrar.

Comentarios