Unha avenida para lembrar Josefina Arruti 

O nome dunha avenida pode ser unha boa maneira de que unha biografía volva a luz. Así acontecerá en Pontevedra coa historia de Josefina Arruti e coa de todas as mulleres que unha iniciativa do BNG propón como nomes para rúas e espazos públicos. 

JOSEFINA

Un dos emocionantes actos de recuperación da memoria en Pontevedra foi o traslado, por parte do seu fillo de igual nome, das cinzas de  Vítor Casas a un nicho co seu nome. Vítor Casas fillo sacaba a pequena caixa dun panteón próximo que Josefina Arruti deixara aberto como emocionante símbolo de solidariedade para soterrar a aqueles que padeceran a represión. 

Josefina Arruti padecera tamén o terror fascista na súa biografía. Pasara 18 meses encarcerada e tres anos en arresto domiciliario nun tempo no que tiña que conseguir criar soa a tres fillos de 6, 4 e 2 anos.  A que era muller do alcalde da cidade Bibiano Fernández Osorio-Tafall tivo que tirar para adiante cunha familia que xa non se volvería xuntar, despois de que o seu home marchara para un exilio en México do que non regresou. 

"Pasara 18 meses encarcerada e tres anos en arresto domiciliario nun tempo no que tiña que conseguir criar soa a tres fillos de 6, 4 e 2 anos"

O de Josefina Arruti será o nome que leve a nova entrada na cidade, o acceso sur que se abre polo desdobramento da Avenida de Vigo, unha iniciativa que ser recolle na moción presentada polo grupo do BNG para poñerlle nomes de mulleres a vías públicas, parques e edificios municipais, tras  unha iniciativa complementaria coa que, desde hai dez anos está a recuperar a toponimia histórica no novo rueiro municipal. 

A  proposta ten como obxectivo situar as mulleres nos espazos públicos, divulgar as súas biografías e renderlles homenaxe a través de placas conmemorativas, rótulos, esculturas ou roteiros urbanos centrados na historia e na memoria das mulleres, entre outras, seguindo a indicación tanto do Consello Municipal da Muller como do Consello Asesor do programa “A memoria das mulleres”. 

A pedagoga Ernestina Otero Sestelo, a profesora e política Daría González, a pintora Mercedes Ruibal, a primeira aviadora, Elisa Patiño, a escritora María Vitoria Moreno, a decana das taxistas Dolores Trabado, a navegante Isabel Barreto, a artista Carme Babiano, a fotógrafa Cándida Otero, a escritora Aurora Vidal ou a actriz Josefina Blanco Tejerina son algunhas das mulleres propostas para  novos espazos públicos. 

Comentarios