Cultura

As Aveneiras analizan cun documental o rol da muller na cultura de masas

As Aveneiras, un dos grupos da escola de Tempo Libre Seteportas Altair, vén de presentar na rede un documental desenvolvido por elas, no que tratan a representación da muller na cultura de masas. Con este exemplo exploramos, da man das educadoras, o labor pedagóxico dun proxecto que camiña cara á consolidación.
As Aveneiras con dúas das educadoras de Seteportas.
photo_camera As Aveneiras con dúas das educadoras de Seteportas.

Ophelia: As aparencias enganan, un documental que reflexiona sobre o sexismo omnipresente nos produtos da cultura de masas, estreouse onte na rede. As autoras son as Aveneiras, un dos grupos de idade en que a escola de tempo libre Seteportas Altair (Compostela) divide as súas participantes. "Foi unha das rapazas a que escolleu a figura de Ophelia, do Hamlet de Shakespeare, e propúxoa como representación da súa maneira de observar o rol que desenvolve a muller", explica Helena González, unha das educadoras que as apoiou neste proxecto, no que as cativas foron as auténticas protagonistas.

A idea de facer este traballo xurdiu nas Aveneiras a raíz de "esfiañar os significados das cancións", como adoitaban facer, conta. De aí consideraron interesante analizar o que traslada a música, "mais non só atendendo a xéneros considerados con frecuencia sexistas como o reguetón, senón tamén ao pop ou ao rock, onde estas mensaxes pasan máis desapercibidas", explica a educadora e filóloga. De aí, a análise estendeuse á publicidade.

A primeira fase estivo marcada pola reflexión, para logo pasar xa a experimentar coa cámara, ou a contactar con persoas do mundo da cultura para que lles ofrecesen a súa perspectiva. Así, visitounas, por exemplo, Guadi Galego, cuxo tema "Matriarcas" lles encanta ás Aveneiras.

Seteportas confinadas

O resultado de meses de traballo íase presentar nunha festa o pasado 14 de marzo, que se viu cancelada por mor da situación sanitaria. Con todo, a equipa de educadoras de Seteportas non quixo deixalo aí, despois de todo o esforzo invertido nas diferentes iniciativas que estaban a levar a cabo. Ante o reto que presenta un contexto insólito como o actual, tiñan que "repensar os escenarios do proxecto", explica outra das educadoras, Laura Crestar. Aínda que non houbese actividade presencial, consideraban importante manteren o dinamismo nas redes. De tal maneira, promoveron durante a corentena o cancelo #seteportasquedanacasa, co que animaban a cativada a partillar a súa realidade para conservar o lazo e continuar favorecendo, desde a distancia, a creación de comunidade.

É precisamente ese un dos principios reitores do grupo Seteportas, integrado en Altair Galiza. "Nós non cremos no termo ocio e tempo libre", explica Crestar, senón que prefiren falar de "educación en valores". Baixo a máxima de "aprender xogando", a igualdade, a solidariedade e o sentido do común atópanse presentes e interiorizados de maneira transversal en todas as actividades que realizan, das que o documental das Aveneiras é só unha pequena mostra. Entre elas destacan os campamentos trimestrais, dos que a outra franxa de idade, as Picurras, deu conta na reportaxe Picurreando por Balboa, outro dos vídeos que partillaron estes días.

"Seteportas non é unha ludoteca", di Crestar, senón que existe unha relación constante coas rapazas e coas familias, que xunto á equipa de educadoras nutren o proxecto. "A regularidade é super importante", incide Martín Mondragón, outro membro do colectivo. Algo como Ophelia non sería posíbel sen a asistencia e o conseguinte compromiso, cada sábado, no local que teñen no barrio de San Pedro.

Implicarse na comunidade

A voluntariedade dunha iniciativa sen ánimo de lucro provoca que as educadoras vaian cambiando segundo as súas circunstancias persoais. "Este ano, por primeira vez, toda a equipa estivo sólida, e iso notouse nos resultados. Favoreceu a colaboración entre todas e a motivación das rapazas", explica Mondragón. Para alén da vocación, úneas a amizade, nun traballo que lles provoca enorme satisfacción con resultados como o que onte presentaban.

A Escola de Educación nos Tempos Libres Altair Galiza recolle a tradición pedagóxica do asociacionismo xuvenil galego, ao tempo que se integra nun movemento internacional. A pegadoxía do proxecto contempla a división en catro grupos dentro da franxa que vai dos 8 aos 16 anos, aínda que polo momento o cadro de Compostela, fundado en 2014, tivo que aglutinar só en dúas, cambiando cada catro anos en lugar de cada dous: picurras (pícaras e insurras) e aveneiras (aventureiras e pioneiras).

Coa vista posta no horizonte, o vindeiro ano marcan como obxectivo fundamental chegar ás divisións de idade ideais que contempla o modelo de Altair.  Ademais, pasarán a ter rapazada de bacharelato, o que se denominaría como "argonautas", para as que a actividade se enfoca xa na "prestación de servizos á comunidade", explica González. Trátase dunha "fase de activismo", que representa o cumio do proxecto mesmo: axudar a mellorar a realidade máis próxima.

Comentarios