Avelino Tourís é presidente de Árgoma Cultural

Avelino Tourís: "De momento non recibimos axudas, Árgoma Cultural é unha asociación autosuficiente"

A Asociación Cultural Árgoma Cultural naceu no concello de Meaño en outubro do ano 2019. O seu presidente, Avelino Tourís, explica que os piares fundamentais da asociación cultural son a defensa da cultura en Meaño; a aposta polo galego e a recuperación e posta en valor da memoria histórica da contorna do concello e da Galiza en xeral. O inicio da pandemia pouco despois do nacemento de Árgoma Cultural freou o crecemento da mesma, o que non lle impediu seguir a promover diferentes actividades.  
Avelino Tourís (no centro), no acto de presentación na praza da Feira en Meaño, con membros da directiva. (Foto Nós Diario)
photo_camera Avelino Tourís (no centro), no acto de presentación na praza da Feira en Meaño, con membros da directiva. (Foto: Nós Diario)

Como xurde Árgoma Cultural?

A asociación era un proxecto do que xa levabamos a falar dous anos antes do seu nacemento o vicepresidente, Iago Lorenzo, e eu, até que de súpeto, unha tarde de sábado chuviosa, en outubro do ano 2019, decidimos fundala. Tiñamos dous motivos para creala. Por unha parte, Meaño é unha zona na que a cultura non está nunha boa situación, é practicamente inexistente, e iso é algo que queremos reverter.

Pola outra, estamos moi centrados na recuperación da memoria histórica do concello e da comarca do Salnés, pois é unha zona que ten moita historia. O inicio foi difícil, porque coincidir coa pandemia causou que non puideramos levar a cabo actividades presenciais.

Que tipo de actividades e iniciativas se desenvolven desde a asociación?

Comezamos cunhas andainas e cun certame de fotografía. Máis adiante tamén presentamos a película de Moncho Reboirás, Reboirás: Acción e Corazón, no concello. Trouxemos o seu director, Alberte Mera, para que participase nun coloquio coas asistentes. Máis alá diso pouco puidemos levar a cabo polo momento. Para o ano esperamos que a situación cambie. Temos previstos varios concertos, dos que algúns xa están fechados; queremos seguir coas iniciativas pola recuperación da memoria histórica, que desenvolvemos en colaboración con outras asociacións deste estilo. Intentaremos facer todo o que poidamos nas mellores condicións posíbeis.

Cantas persoas traballan na asociación actualmente?

Agora mesmo somos sete persoas, un grupo de amigos e amigas que decidimos sacar adiante o proxecto. Tivemos que constituír unha directiva porque nolo esixía a Administración, pero aquí todos facemos de todo e traballamos arreo para que Árgoma Cultural poida existir.

Cada un implícase cando pode e ten tempo. Estamos intentando conseguir máis xente que forme parte da asociación, pero non é unha tarefa sinxela, porque nun concello de 5.000 habitantes como é Meaño é moi complicado que a xente se queira sumar.

Que acollida tivo Árgoma Cultural no concello?

En xeral, moi positiva. Nas andainas, por exemplo, calculamos que de media participan unhas cento vinte persoas. O feito de traballar con inscrición previa axuda a facer os cálculos e as previsións. Ademais, facemos presión ao concello para que limpe as rutas e sendeiros da zona que non están en boas condicións para camiñar e pasear. Temos a sorte de que non só participa xente de Meaño, senón que xente de Cambados, do Grove, de Sanxenxo... que pasan moito tempo en Meaño tamén está presente. Penso que a resposta foi moi positiva.

Moita xente dinos que por fin alguén intenta moverse no concello e sacar adiante algo. Tamén nas redes sociais notamos que chamamos a atención e espertamos interese entre a veciñanza do concello e da comarca do Salnés.

Contan con apoio por parte das Administracións? 

De momento non recibimos axuda de ninguén, somos unha asociación autosuficiente. De cara ao ano que vén si temos en mente presentarnos ás convocatorias de subvencións. Será cando fagamos a primeira declaración da renda, e algo esperamos obter. A nivel local, as axudas dos concellos para este tipo de iniciativas son claramente insuficientes, e adoitan ir destinadas a outros sectores e eidos con maior popularidade. Todo o que conseguimos obter do concello foi polo noso esforzo e a nosa insistencia. Por exemplo, como che mencionaba antes, coa presión que fixemos para que limparan algúns roteiros para que puidésemos desenvolver as nosas andainas.

Comentarios