'Ave do paraíso', de Lorena Conde Martínez, premio Filomena Dato de poesía

O xurado destacou a súa potencia na construción do conxunto cun gran control no poema longo, a estrutura dramática do libro con presenza de voces variadas, e as múltiples referencias culturais e da tradición literaria e artística.

Xurado do I Concurso de Poesía Filomena Dato do Concello de Bergondo.
photo_camera Xurado do I Concurso de Poesía Filomena Dato do Concello de Bergondo.

Ave do paraíso, de Lorena Conde Martínez é a obra gañadora do primeiro premio de poesía Filomena Dato convocado polo Concello de Bergondo. 

O xurado, presidido pola alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e conformado polas poetas Dores Tembrás, Yolanda Castaño e Susana Sánchez Aríns, destacou a "potencia" do poemario e gabou a "construción do conxunto cun gran control no poema longo, a estrutura dramática do libro con presenza de voces variadas, múltiples referencias culturais e da tradición literaria e artística que se poden deducir na lectura deixando un pouso fresco na lectora".

O fallo do I Concurso de Poesía Filomena Dato do Concello de Bergondo viuse adiado polas condicións especiais orixinadas pola pandemia da Covid-19, máis za ten gañadora. O acto de entrega do premio, que ten unha dotación económica de 2.000 euros e inclúe a publicación do poemario pola editorial Apiario nunha colección propia, terá lugar a finais de outubro. 

Difusión da lingua e da cultura galegas

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, lembrou con este concurso "pretendíamos contribuír á difusión da lingua e a literatura galega á vez que rescatábamos do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento como a escritora e afervoada feminista galega Filomena Dato Muruais".

A rexedora salientou, ademais "a calidade das pezas recibidas”, 52 en total, coordinadas por Apiario. “Queriamos facer un concurso literario serio, que estivese á altura e que servise para continuar exaltando a figura de Filomena Dato vinculándoa co traballo de muller e igualdade que vimos facendo desde o Concello".

Desde Apiario felicitaron "a todos os e as participantes polas súas creacións e o seu esforzo. É unha mágoa que só poida quedar un pero agardamos que esta sexa a primeira de moitas citas dun certame que debe consolidarse para darlle un pulo á lingua e a creación do país, apostando polos nosos autores e e autoras", resaltaron.

Comentarios