Manuel Rivas, protagonista do próximo 'Sermos Galiza'

Entrevistamos o prolífico autor no novo número do semanario de 'Nós Diario'. O reino da Galiza, o secuestro do buque 'Santa María' e as artes teñen tamén un oco nesta nova edición de 'Sermos Galiza'.
O xornalista Héctor Pena entrevista Manuel Rivas neste número de 'Sermos Galiza'.
photo_camera O xornalista Héctor Pena entrevista Manuel Rivas neste número de 'Sermos Galiza'.

Este sábado atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, unha nova edición do semanario Sermos Galiza —64 páxinas por só tres euros—. O escritor Manuel Rivas protagoniza este número, nunha entrevista realizada polo xornalista Héctor Pena na que afonda na súa nova obra poética, O que fica fóra, publicada por Apiario.

Nesta extensa conversa, Rivas comenta que a poesía "vai sempre na fura de diante cando hai temporal, mais tamén anda despois a apañar os restos do naufraxio e collendo as cachizas que quedaron na beira".

O historiador e crítico literario Francisco Rodríguez, aliás, presenta o seu novo libro, Unha etapa estelar e conflitiva do reino da Galiza (a segunda metade do século XIV) - Tomo I: a relevancia do reino medieval galego, editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).

Sen abandonar o eido literario, Mario Regueira analiza en "Crear ou imitar" a obra Debuxar o mundo. Xogar, crear, compartir, da autoría de Vicente Blanco e Salvador Cidrás e publicada por Galaxia. "É unha guía para redescubrir a pontencialidade do debuxo como ferramenta lúdica e educativa", afirma Regueira.

E Manuel López Foxo, en "Regreso a Marica Campo", rende homenaxe a esta escritora afondando na súa publicación Tras as portas do rostro, editada en 1992 por Baía Edicións.

A historia do 'Santa María'

Por outra parte, este Sermos Galiza abre coa reportaxe "Xosé Velo, na procura da liberdade", elaborada polo xornalista Xosé Barros. Velo foi o ideólogo do secuestro do buque 'Santa María', renomeado como 'Santa Liberdade', o 21 de xaneiro de 1961.

Esta foi unha acción de protesta contra os réximes ditatoriais de Francisco Franco no Estado español e António Salazar en Portugal.

Música, arte, cinema e lecer

O apartado musical corre a conta de Herminio González, que trae as últimas novidades, e Fernando Montenegro, cun artigo titulado "A canción galega de Maurice Ravel".

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, mentres Carlos L. Bernárdez lembra o pintor Manuel Colmeiro en "Colmeiro: a cor como territorio da emoción".

Noutra orde, Xabier Vázquez Pumariño fala na sección 'Ecos' do "Metabolismo gandeiro", e o colectivo Xea dá unha visión da riqueza das fervenzas de Mazaricos en 'Andar e ver'.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Como mercar 'Sermos Galiza'

Como tes que facer para poder gozar deste número? Procura Sermos Galiza, xunto co Nós Diario, este sábado nos quiosques ou na nosa tenda en liña. Unha opción máis sinxela para que non perdas nada é facer agora mesmo a túa subscrición!

Comentarios