A chegada do Nadal propicia a multiplicación de novidades musicais

Avalancha de novos discos na fin de ano

A proximidade das festas de Nadal e as vendas asociadas a elas, a recente celebración do Culturgal e un atasco pandémico que aínda fai que se acumulen proxectos argallados durante os confinamentos amontoan, neste tramo final do ano, unha auténtica avalancha de novidades discográficas que mostran o bo momento en que se atopa a música galega, tanto en variedade como en calidade. 

Sés. (Foto: Mirmidón Producións)
photo_camera Sés. (Foto: Mirmidón Producións)

Entre as novidades máis agardadas está, sen ningunha dúbida, o Diante un eco de Sés. O oitavo traballo discográfico da cantautora reafirma os alicerces populares da súa música, desta vez cunha particular atención aos fíos que unen a música galega e a latinoamericana. 

A grovense Carolina Rubirosa, a flamante subcampioa do festival Liet, vén de presentar Soldadeiras, unha reinterpretación contemporánea da lírica galega medieval con ritmos pop e un papel destacado da electrónica. 

A sorpresa vén da volta de Fanny & Alexander, a xa mítica banda que, despois de doce anos de silencio volve con A túa ausencia neste ar, un álbum melancólico que experimenta coa electrónica, a música de cámara e mesmo con elementos folk. 

O segundo disco en solitario de Berto, Sinto, dá un paso máis alá da introspección dos seus traballos anteriores para outorgarlle un aire máis pop á súa mestura de trap e electrónica. 

E desde o outro lado da electrónica, o dunha festa que lembra a música disco dos 70, Monoulious DOP sacan ao mercado Disco Disko, no que aglutinan bachata, pop, rock e autotune.

A fórmula escollida por Xavier Portas en Cidade da Utopia chama a atención pola escaseza de música instrumental que mesture rock sinfónico e ambient. Un repertorio á marxe da ortodoxia que merece unha escoita atenta. 

 

Algúns debuts 

O primeiro disco de Lamontagne & Picoamperio, Algo que sinalar, confirma as expectativas creadas nos directos nos que mostraban a súa hipnótica mestura de música e poesía, de hip hop e flow. Unha proposta de calado que terá percorrido. 

Como tamén o terá a Carta aberta coa que debuta Antía Muíño, a quen coñeciamos, sobre todo das súas colaboración con Xabier Díaz: unha canción limpa que ocupa un espazo no que confúen a canción tradicional, o jazz, os ritmos latinos e algo de café cantante. Sen dúbida, unha das propostas con maior proxección para 2023. 

Muíño está presente tamén no debut de Mel, A caixa e a chave, un disco experimental no que o after jazz, o avant garde e as referencias clásicas debuxan un horizonte de influencias tan amplo como atractivo para os amantes da experimentación sonora. 

Samudra Trío leva ao disco Odisea a súa busca fóra do inventario tradicional da música de cámara, unha procura que nos conduce por sonoridades de varios continentes e que abre novas perspectivas sobre o repertorio clásico. 

Outra proposta rechamante por novidosa é a do primeiro álbum de Catuxa Salom, Nunha aldea,  na que fusiona a música tradicional con ritmos tribais e sonoridades  latinoamericanas. Un disco a descubrir. 

Brúa é o primeiro disco da banda homónima, no que os seus compoñentes, bregados en varias formacións de música tradicional, beben de clásicos da música celta como Milladoiro, Fuxan os Ventos ou Luar na Lubre. 

O dúo entre Ivan Vilela, virtuoso da viola de dez cordas e Pablo Castaño, nome referencial do jazz galego deu como resultado Mat[R]iz unha das máis orixinais propostas do panorama jazzístico do país.  

 

Máis novidades musicais nas vindeiras semanas

Ademais das novidades acabadas de aparecer, para as próximas semanas anúncianse máis discos: o día 16 aparecerá, Roibén, de Guadi Galego; o 19, Viva a loita amada revolucionaria, o debut de Loita Amada, o novo proxecto de Jásper e a cantareira e pandeireteira Nébeda, que aparecerá en formato vinilo. Mais tamén anuncian novos traballos: Su Garrido Pombo, Ataque Escampe, Rodrigo Ramos, Fillas de Cassandra, Sinestesia ou a colaboración de Baiuca e Alba Reche.

Comentarios