O autor de novelas longas que escribe postais pequenas

“Ingravidez”, é o título da “micropostal” número 47 que o escritor Antón Riveiro Coello publica a través da rede social facebook. O escritor conta ter nas librarías de cara a fin de ano unha nova novela que terá por volta das 500 páxinas, na antítese destes textos de pequena dimensión que escribe sobre imaxes. 

antonriveiro
photo_camera Antón Riveiro Coello

Autor de obras tan celebradas como As rulas Bakunin,  Laura no deserto ou Acordes náufragos, o escritor bota man destes textos de pequena dimensión publicados sobre unha imaxe á maneira de postal como “contrapeso” do intenso exercicio de elaboración dunha novela, en boa parte dos casos de amplas dimensións. 

Agarda chegar en non moito tempo ás cento cincuenta e, para daquela, valora a posibilidade dmicropostale publicar con elas un libro que será singular na súa produción literaria. As súas creacións pasarán así da rede facebook ao papel. Como adianto, a revista Grial publica no seu novo número unha pequena colección co título, "Á sombra dos bonsais". “Este formato obrígame a cinguirme a poucas frases e iso gústame. Procuro publicar dúas á semana e que o texto sexa pequeno porque, segundo aprecio, son as que máis se len”, explica o escritor que aproveita a publicación das micropostais para manter un contacto continuado e directo cos seus lectores e lectoras. 

“Axudan a calibrar se estás atinado. Ao meu ver, acontece como coa poesía, teñen que ter o toque de iluminación, de chispa. Son un formato de relato breve que xa traballaron con bos resultados autores como Castelao e Dieste”, afirma Riveiro Coello, na antítese da novela que vén de rematar, un novo libro que sairá posibelmente de cara a fin de ano e ao que lle calcula por volta das 500 páxinas.

Comentarios