Autobán, o Festival de Autoedición da Coruña, celebra o seu décimo aniversario

Os días 16 e 17 de agosto terá lugar na Coruña a décima edición do Festival de Autoedición e BD organizado pola Asociación Cultural Autobán, que se desenvolverá en paralelo á celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024.

Festival Autoban da Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Festival Autobán da Coruña. (Foto: Nós Diario).

Autobán, o Festival de Autoedición e BD organizado pola Asociación Cultural do mesmo nome, celebra neste 2024 o seu 10º aniversario. Os días 16 e 17 de agosto terá lugar na Coruña a décima edición, que se desenvolverá en paralelo á celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024. O ilustrador José Domingo é o autor do cartel deste 10º Autobán, nun homenaxe a estes 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014.

Entre os fitos do Autobán cabe destacar que moitas das promesas que gañaron o seu Combate de Debuxantes acabarían por converterse en artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey.

O Autobán xurdiu en agosto de 2014 como unha alternativa independente ao festival de cómic galego de referencia, o Viñetas desde o Atlántico. Un grupo de autores e debuxantes locais que non acababan de atopar un oco para a súa obra no marco deste evento decidiron crear o seu propio festival de autoedición, .

A primeira edición argallouse en poucas semanas recorrendo á xenerosidade dos amigos e aos recursos de internet para compensar a falta de orzamento e de medios. Naceu entón o Combate de Debuxantes, que sería unha das súas marcas de identidade.

Tras pasar por diversos emprazamentos, o local autoxestionado Nave 1839 converteríase na súa sede oficiosa. A pandemia obrigou a reformular como se viñan facendo as cousas e, tras unha edición dixital en 2020, o proxecto renacería asumindo novos obxectivos coa fundación da Asociación Cultural Autobán no ano 2023. 

Ademais do seu xa clásico mercado de fanzines, entre as actividades que regresarán este ano a Autobán destacan o brilé brutal, o Autobombo (minipresentacións rápidas dos proxectos participantes), os concertos ilustrados, o Autolab (un laboratorio de banda deseñada experimental), as pinchadas de dj’s ou o Minibán (obradoiros pensados para os máis cativos), sen esquecer a impresión do Autozine, a súa publicación anual gratuíta. 

Comentarios