Aurora Marco, gañadora do Premio Follas Novas 2021 de ensaio

Aurora Marco: "Fica aínda moito por facer no proceso de visibilizar as mulleres que nos precederon"

A escritora Aurora Marco gañou o Premio Follas Novas do Libro Galego 2021 na categoría de ensaio e investigación polo seu traballo en 'Irmandiñas'. En conversa con 'Nós Diario', Marco explica os descubrimentos que máis lle sorprenderon mentres realizaba este ensaio.
Aurora Marco (Foto: Pablo Ces).
photo_camera Aurora Marco (Foto: Pablo Ces).

Vén de gañar o Premio Follas Novas Libro Galego 2021 de ensaio e investigación polo seu traballo Irmandiñas. Como resume vostede esta publicación?

Resulta difícil resumir o traballo desenvolvido durante catro anos, que deu lugar a un libro de 500 páxinas, nunha resposta limitada, como é natural, polo espazo. Mais tentareino. Como levo facendo arredor de 40 anos, con Irmandiñas quixen recuperar, visibilizar, valorizar e homenaxear mulleres que se entregaron con paixón á defensa da terra e da lingua, ao espallamento do ideal galeguista e republicano, á escrita, ao ensino, ao desenvolvemento editorial galego, á música, ao teatro, á actividade investigadora, á actividade política... Mulleres entregadas á construción do seu país, no que crían e ao que amaban, que loitaron pola consecución da autonomía, que traballaron, en definitiva, pola Galiza.

A historia tradicional e androcéntrica esqueceunas mais os seus contributos, no período en que centrei a investigación, 1916-1936, foron de maior calado do que a primeira vista semella, aínda que o seu papel social estivese condicionado por seren mulleres. O que pretendín foi deixar constancia dunha realidade que afectou por igual a todas as mulleres: tempos de invisibilización, de ocultación, de discriminacións... No caso das irmandiñas, a súa proxección pública foi abondo limitada se a comparamos coa dos compañeiros, mais o seu compromiso e actividades non foron en absoluto irrelevantes.

E andei na procura non só das directamente asociadas ao movemento das Irmandades da Fala, senón de todas aquelas que estaban unidas, ao meu ver, por un mesmo “espírito irmandiño”. Preguntáronme nalgunha presentación a razón de incluír, por exemplo, as mulleres dos coros. E como non facelo? No nacemento e devir de moitos coros tiveron moito que ver as Irmandades da Fala. Aquelas agrupacións corais, que recolleron e divulgaron cancións populares e recuperaron danzas tradicionais, foron tamén fundamentais na propaganda do galeguismo. O agrarista e irmandiño Rodrigo Sanz dicía que unha das tres columnas máis firmes e características dun pobo, xunto co idioma e os aspectos económicos, era a música. Igual aconteceu coas mulleres doutros ámbitos, como as do teatro, ou as do Seminario de Estudos Galegos, porque arredor das Irmandades agromaron unha serie de iniciativas nas que estiveron presentes as mulleres.

Como xorde a idea de realizar este traballo?

Cada libro que escribín ten a súa historia e Irmandiñas non é unha excepción. Cando se celebrou o centenario da fundación das Irmandades da Fala (en 2016), pensei que era necesario recuperar as traxectorias de irmandiñas descoñecidas, que existían, e afondar con novos datos nos xa coñecidos. Iso fixen aquel ano ao visibilizar os perfís biográficos de Concepción González Varela e Adela Martínez García, esquecidas pola historia, e ao afondar nas historias de Elvira Bao Maceiras e Amparo López Jean, a partir de novas informacións e imaxes, que son ben importantes tamén para pór rostro ás mulleres. Mais, conforme avanzaba a completa programación institucional desenvolvida durante todo o ano, comprobei que, alén de casos contados, a presenza das mulleres foi testemuñal. Elas foron as grandes ausentes porque as poucas que se lembraron eran xa coñecidas.

Entre as numerosas iniciativas que se levaron a termo por mor do centenario creouse, por parte dunha institución representativa da cultura galega, algún espazo web destinado a recoller biografías dos principais protagonistas do movemento, aínda que ao longo do ano só saíron dezaseis, todas de irmandiños. As mulleres brillaron pola súa ausencia, algo que resulta incomprensíbel no século XXI… Ese foi o motivo fundamental que me levou a mergullarme nesta investigación, porque era impensábel que nun movemento transversal, que encheu de ilusión e esperanza os corazóns de galegas e galegos, houbese tan poucas mulleres. Elas estaban por todas partes; había que buscalas.

Que pasos de investigación levou a cabo?

Retroceder no túnel do tempo cen anos atrás para recuperar nomes, moitos deles totalmente descoñecidos, precisa dunha metodoloxía, ás veces ecléctica, que xa utilicei noutras investigacións, o que exixe en ocasións esquecer os criterios utilizados ao investigarmos sobre biografías masculinas. Exceptuando ese pequeno grupo das xa coñecidas ás que me referín, tiven que partir case de cero pola ausencia de fontes escritas.

A procura de materiais ocupou unha parte fundamental da investigación. Alén de numerosas fontes bibliográficas necesarias para contextualizar, para a elaboración de Irmandiñas foron fundamentais as fontes hemerográficas. Naveguei por numerosas cabeceiras dixitais e fixen un baleirado exhaustivo de moitas publicacións; acudín a arquivos, fundacións públicas e privadas. A todas estas fontes hai que engadir as orais, unha técnica de investigación que permite unha aproximación á realidade de grupos sociais situados fóra das esferas do poder, e aquelas mulleres pertencían a eses grupos…

Pouco a pouco fun confirmando documentalmente que na acción social, cultural e política tamén estaban elas, as irmandiñas, mais ese mantelo tan opaco que as cubriu e que apenas deixou pasar unha raiola de luz sobre as súas vidas e accións foinas envolvendo até chegarmos á actualidade. Como aconteceu coa maioría das mulleres doutros períodos da nosa historia, o seu, sabémolo, foi un traballo constante, calado, produtivo e silenciado que había que recuperar.

Con que dificultades se atopou durante o proceso? Ten algunha anécdota?

O proceso previo á redacción exixiume unha entrega absoluta. É unha fase da investigación da que gosto especialmente: cada novo nome, cada nova información, o encontro con fillos e fillas, netos e netas ou familiares con outro parentesco, era motivo de alegría. Puxen, iso si, todo o alento, todo o entusiasmo e toda a paixón que poño nestes traballos nesa fase de procura de materiais. E foi magnífico poder recuperar, por exemplo, tantas mulleres pertencentes ao Partido Galeguista (PG) de Asados por mediación dun amigo, Xesús Santos, que me proporcionou os contactos familiares.

Que descubrimentos atopou que lle sorprendesen? Cal lle foi máis sinxelo de traballar? Cal é o seu favorito?

O que percebín, sen sorpresa ningunha, é que fica aínda moito por facer no proceso de visibilizar e coñecer as mulleres que nos precederon. Non é ningún descubrimento, é máis do mesmo. O descoñecemento sobre a presenza feminina na sociedade de cada período concreto, neste caso dos primeiros decenios do século XX, sempre foi grande, sexa cal for o ámbito, a pesar de que nos últimos anos ese baleiro xa se está a encher aos poucos. Sempre reitero a mesma idea: silenciar máis esquecer é igual a invisibilizar, e isto funcionou como un mecanismo case automático.

A semente e os froitos que as mulleres foron deixando ao longo da historia (e houbo períodos de grandes avances para elas, como o da República) recollémolos moi tarde. Mesmo así, o importante é arroxar luz sobre esas parcelas da nosa historia, invisibilizadas, e sobre as súas protagonistas.

Non foi un traballo sinxelo. Esta e outras investigacións que fixen, como o Dicionario de mulleres galegas (2007) ou Mulleres na guerrilla antifranquista galega (2011),  deberían ter sido traballos de equipo, para o cal sería lóxico dispor dunha subvención, porque non podes involucrar un grupo de persoas nun traballo sen nada a cambio. Eu ando sempre de verso solto, sen subsidios nin apoios institucionais ou mediáticos de ningún tipo, e métome nestas investigacións, en verdade, sen pensar na súa extensión. Cando me decato, xa é tarde e sigo buscando e escribindo… Á miña idade, non vou cambiar. De todos modos, son consciente de que faltan mans, faltan persoas dispostas a meterse neste tipo de traballos que exixen tanta dedicación. É máis fácil copiar unha vez publicados… E non citar. Unha moda que detesto.

Non teño ningún capítulo favorito, malia que o noveno, case unha monografía pola súa extensión, dedicado ás mulleres do PG, foi moi gratificante pola cantidade de nomes recuperados. 

En que está a traballar actualmente?

Nesta altura ando ás voltas con algunhas mulleres exiliadas das que posúo, desde hai tempo, abundante información, documentación e imaxes proporcionadas polas familias. Mais pasaron os anos e o traballo foise acumulando de tal forma que o fun adiando até agora. Como é sabido, no doloroso mundo do exilio o papel que xogaron as mulleres foi fundamental. Porén, foi o exilio masculino o eixo principal en que se centraron a maioría de historiadores porque durante moito tempo todo suceso da humanidade foise contando sen incluír ás mulleres.

Durante moito tempo, as referencias ás exiliadas brillaron pola súa ausencia ou ficaron esvaídas ao se centrar exclusivamente nalgunhas individualidades salientábeis, aínda que cómpre indicar que na Galiza dispomos de textos memorialísticos de autoría feminina, epistolarios e outras publicacións que nos permiten ler algúns exilios en chave feminina. Mais hai que seguir afondando neste tema e rescatar o protagonismo doutras galegas que deixaron atrás o seu lar, os seres queridos, as paisaxes amadas que ficaron interiorizadas para sempre cando iniciaron a viaxe da liberdade… E tamén para constatar o seu compromiso coas causas da xustiza e a liberdade.

Ás veces dubido se, finalmente, levarei ao prelo esta investigación, aínda sigo con ela. Coa pandemia tiven tempo abondo para reflexionar e fíxenme unha serie de preguntas: Para que escribo? Para quen? Canta vida ten un libro ao que dedicaches catro ou cinco anos e no que deixaches as pestanas, como é o caso das Irmandiñas ou Mulleres na guerrilla antifranquista galega? O traballo dunha escritora ten que ser un exemplo constante de militancia cultural, de voluntarismo?

Faltan respostas e talvez tamén afectos.

Comentarios