Novo coleccionábel

Aurelia Balseiro: "A principal función dos tímpanos era ensinar ou adoutrinar a sociedade"

Aurelia Balseiro é museóloga e directora do Museo Provincial de Lugo desde 2008. É autora da primeira das entregas do coleccionábel sobre os tímpanos medievais que estrea Nós Diario a terza feira, 5 de xaneiro. Neste entrevista comenta a función dos principais elementos exteriores dunha igrexa medieval, principalmente os situados na fachada occidental, e a súa función adoutrinadora e educativa.

Aurelia Balseiro Foto de Germán Limeres
photo_camera Aurelia Balseiro (Foto: Germán Limeres)

Vostede prepara o primeiro fascículo desta serie sobre tímpanos medievais da Galiza. Cal é a finalidade desta entrega?

Basicamente, trátase de proporcionar unha guía interpretativa do románico galego vinculado ás rutas xacobeas a través dun elemento concreto: os tímpanos, encadrados no programa iconográfico do edificio correspondente. A partir dunha escolma concreta e limitada de construcións de orixe románica, a premisa fundamental parte da difusión do coñecemento científico para achegar a todos os públicos a riqueza desta parte do noso patrimonio.

A inmensa maioría da sociedade medieval era analfabeta. Neste sentido, podemos considerar que o programa iconográfico románico ten unha función alfabetizadora?

Esa era a principal función, ensinar ou adoutrinar a sociedade nos preceptos relixiosos correspondentes, pero, tamén, hai un compoñente artístico fundamental que se desenvolve a través do románico e despois do gótico, que deixará unha impronta transcendente a través dos séculos.

Cando falamos de románico temos en mente as grandes catedrais, os mosteiros, mais o románico galego é, cando menos en número, rural, como rural era a grande masa da poboación. Ten un programa iconográfico diferente, ou específico, o rural?

Certamente hai grandes focos como Santiago de Compostela e as súas contornas de influencia que desenvolven importantes obradoiros e itineran o labor de mestres ou artesáns que logo traballan noutros sitios, levando consigo a experiencia e a repetición de modelos. Os historiadores e investigadores da arte descifran os códigos de comunicación dos programas iconográficos e ven os paralelismos entre uns e outros e si se observan no rural interpretacións máis populares de escenas representadas en tímpanos, capiteis e decoracións ou motivos reiterados en distintas construcións relixiosas, dun xeito específico segundo a pericia do artífice ou o poderío do promotor.

Cal é a mensaxe ou mensaxes que queren transmitir os frontispicios? 

A entrada principal das construcións relixiosas estaba orientada cara ao oeste e, aínda que houbera accesos laterais, o frontis era o espazo principal de recepción e acollida dos fieis, de aí a súa importancia. Así, nesta zona principal desenvólvese parte do programa iconográfico conxunto a través de escenas bíblicas figurativas, inscricións, imaxes alusivas á advocación da igrexa…etc.,  acompañado, se cadra, con motivos decorativos vexetais ou xeométricos e conformando, a través dun código arquitectónico-escultórico, unha mensaxe claramente relacionada cos preceptos relixiosos imperantes daquela.

Na actualidade, xustamente pola perda de poboación rural, boa parte dese patrimonio está en abandono ou desuso e suxeito a deterioro. Considera viable, ou mellor, posible, a conservación in situ ou cre que será inevitable a musealización? 

A perda de poboación do rural é a nai de todos os males que afectan a maior parte do noso territorio. Sen comunidade a parroquia esmorece, o abandono leva ao deterioro e este á desaparición de todo tipo de patrimonio material e inmaterial, por non falar de roubos e espolios. As solucións particulares non chegan a moito se non hai un plan director consensuado, conxunto e multidisciplinar que atenda todas as necesidades de protección, conservación e seguridade. De pouco serve un investimento concreto nun  ben inmoble, se logo non hai mantemento, programación e uso, pero considero que cada caso específico ten as súas eivas e fortalezas, porén, ten que ser analizado polo miúdo dentro doutras accións xerais e de aí se derivaría a mellor opción.

Comentarios