Aurelia Balseiro: “San Martiño é un conxunto monumental abraiante onde podemos evocar a historia e a arte medieval galega”

Aurelia Balseiro é museóloga e directora do Museo Provincial de Lugo desde 2008.  É autora da primeira das entregas deste coleccionábel sobre os tímpanos medievais. Hoxe falamos con ela sobre San Martiño de Mondoñedo, “un espazo marabilloso onde  se respira o cheiro do mar Cantábrico”.

retratoAurelia Balseiro de Germán Limeres
photo_camera Aurelia Balseiro (Foto: Germán Limeres)

Sería correcto afirmar que San Martiño de Mondoñedo chegou a nós nun estado bastante próximo ao orixinal máis por un “deixa estar” que por un verdadeiro interese en conservalo?

Na miña opinión si. O traslado da sé  do bispado,  temporalmente a Ribadeo e de xeito definitivo a Mondoñedo, desplazaría tamén o centro de poder e, polo tanto, modifica a organización económica e social desta parte do territorio. Aínda así, a pesar de que o templo de  San Martiño deixou de ser catedral, a súa supervivencia histórica e monumental fai que o considere un verdadeiro exemplo de resiliencia.

Con todo, chegou o século XIX e as reformas foron profundas...

Demasiado profundas, hoxe en día a actuación patrimonial sería teoricamente moi distinta e menos agresiva, pero polo menos freou o seu deterioro deixándonos unha imaxe  da antiga catedral  que, a pesar dos contrafortes engadidos, segue impresionando pola súa profunda beleza,  evocadora da  Britonensis ecclesiae e da Dumiensi sedis, das doazóns reais e da historia medieval do setentrión galego.

Falamos dunha basílica decana das Catedrais...

Di a  historiografía tradicional que a basílica de San Martiño de Mondoñedo foi das primeiras catedrais construídas na península Ibérica e  menciónaa como a decana destas construcións relixiosas no noroeste. Segundo esta teoría, algúns historiadores establecen que  tivo unha primeira fase construtiva comezada no s. VI. Aínda que recentes estudos non confirmen esa cronoloxía, hai elementos prerrománicos reutilizados no edificio que son pegadas desa ocupación anterior ao s. X...

...un valor engadido, portanto...

Si, esta orixe prerrománica tamén lle dá un valor engadido pola convivencia e transición directa ao románico, amosando os cambios estilísticos e arquitectónicos ou as permanencias da Alta Idade Media nas execucións dos séculos medievais seguintes. Como se pode ver no fascículo, hai autores que consideran que houbo un primeiro edificio prerrománico construído no s. IX e outra fase no s. X, mentres que para outros só houbo unha fase prerrománica datable no s. X  que condicionou o templo románico posterior.

Templo que representa os inicios da arte románica...

San Martiño é considerada unha das construcións románicas máis antigas do Reino de Galiza, con categoría actual de basílica e Ben de Interese Cultural. Un conxunto monumental abraiante onde podemos evocar a historia e a arte medieval galega nun entorno rural da Mariña lucense.

Alén diso, arquitectonicamente presenta solucións novidosas ...

Pois si, lembrando que a fábrica románica data do s. XI, San Martiño presenta, para a súa época de construción, unha novidosa arquitectura, con planta basilical de tres naves, tres ábsidas semicirculares na cabeceira e un  cruceiro transversal con ciborio central.

O seu  programa plástico é -di vostede- excepcional...

No artigo só hai espazo para falar do exterior do templo pero no seu interior atopamos verdadeiros tesouros da pintura e escultura medieval. Os capiteis, decorados con motivos vexetais, xeométricos e figurativos ou o famoso antipendium, tamén denominado frontal de altar, teñen unha factura estilística de seu e consolida a relevancia do chamado por Yzquierdo Perrín “mestre de San Martiño de Mondoñedo”.

A plástica pode considerarse como unha das máis ricas e temperás mostras da arte románica galega sendo producida, ademais, por un obradoiro alleo ao importante foco de Compostela.

Voltemos ao seu exterior, tan ben coidado, e moi diferente do de outras igrexas...

A marabillosa contorna na que se insire a basílica de San Martiño, mistura unha paisaxe rural na que se respira o cheiro do mar Cantábrico e se albisca un contacto, case telúrico, co pasado da nosa terra e cunha experiencia sensorial que xa nos proporciona a chegada a través dunha estrada secundaria cando, de súpeto, ábrese ante os nosos ollos unha pequena aldea dominada por un espectacular templo e vemos desde unha perspectiva baixa magnificando a súa espectacularidade, a súa parte nordeste, como o vento predominante na Mariña, coa zona axardinada matizando o desnivel do terreo e agochando a fonte milagreira. Despois rodearémola para achegarnos á fachada occidental e consolidar a nosa admiración polas obras dos nosos antergos. Finalmente o Centro de Interpretación situado na anexa e antiga casa reitoral contribúe a súa completa contextualización.

...e o propio Espazo Caritel aporta outros motivos de interese para a visitar. Motivos non faltan para nos achegar, non?

O Espazo Caritel intégrase na contorna monumental dun xeito admirable conxugando arte contemporánea e natureza: un museo e un xardín; un proxecto de Caxigueiro no que se aprecia que puxo a súa alma e a súa creatividade artística,   proporcionando ao visitante unha experiencia única, unha lección de botánica e una consciencia da importancia da arte como comunicación ou denuncia social, e da beleza das plantas coidadas nun entorno de xeito sustentable e fermoso: Poesía visual.

Comentarios