mércores 05/08/20

A Aula Castelao cancela a Semana Galega de Filosofía

A Aula Castelao cancela a Semana Galega de Filosofía
A Semana galega de Filosofía decorre en Pontevedra
A Semana galega de Filosofía decorre en Pontevedra

A Aula Castelao de Filosofía acordou cancelar definitivamente a Semana Galega de Filosofía que tiña prevista desenvolverse no presente ano 2020. 

"Vímonos obrigados a suspendela nas datas previstas e adiala para setembro por causa do estado de alarma -explican-, mais, debido a que despois de rematado o actual curso académico e a que as autoridades educativas acaban de estabelecer un protocolo moi cuestionado polo profesorado para o comezo das aulas á volta do verán, así como ás advertencias das autoridades sanitarias sobre previsíbeis rebrotes do coronavirus logo das vacacións, consideramos que nesas circunstancias a realización da Semana de Filosofía en setembro non se podería levar a cabo coas garantías suficientes que fagan prever o seu normal desenvolvemento".

Desde a organización fan referencia á "alta participación" do profesorado neste congreso, un colectivo "que a estas alturas conta cun protocolo con garantías insuficientes á hora de reincorporarse ao seu labor educativo". 

Así mesmo, a Aula Castelao salienta que a Semana Galega de Filosofía ten unha "dimensión social, de encontro e debate" que se prolonga mesmo no exterior da sala de conferencias e que lle dá "un especial atractivo a esta actividade, pois entre os seus obxectivos está o de fomentar a discusión e contraste de opinións, non só cos relatores e coas relatoras, senón tamén coas propias asistentas e asistentes".

Por todo isto, acordaron trasladar o programa previsto para esta XXXVII Semana Galega de Filosofía, que leva por título "Filosofía e Civilización Dixital", para o vindeiro ano 2021, nas datas tradicionalmente estabelecidas (logo da Semana Santa, do 5 ao 9 de abril), "agardando que se produza unha redución da incerteza en que hoxe nos movemos e unha consecución de máis seguridade, co fin de ofertar unhas xornadas de debate da maior calidade posíbel".

Novo coordinador da Aula Castelao de Filosofía

Ademais, a Aula Castelao de Filosofía vén de elixir un novo coordinador para continuar coa súa actividade. Así, despois de máis de seis anos no cargo, Ana Ruth Regueira García deixa a coordinación para ser substituída por Alexandre Cendón González, profesor de Filosofía no ensino secundario.

comentarios