CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Audrey Horne: Blackout

Audrey Horne é unha desas bandas que descobres de casualidade, xa que esperas algo totalmente distinto do que realmente é. O motivo no foi outro que -sendo unha banda norueguesa formada ente outros por membros de Gorgoroth e Enslaved- non podería tratarse máis que dunha superbanda de black metal. Non teño que dicir que os primeiros compases de escoita do seu primeiro EP, “No hay banda”,Audre sacoume precipitadamente do meu erro.

Os máis cinéfilos xa descubrirían que tanto o nome da banda como o do seu primeiro EP son unha homenaxe a David Lynch. Máis a banda non fai nin bandas sonoras nin moito menos black metal, senón que nos agasallan os oídos con temas do hard rock máis clásico. Abandonadas totalmente as referencias sonoras ao grunge dende os dous traballos anteriores, con Blackout os noruegueses non se apartan un milímetro dese estilo que máis éxito lles trouxo. A esencia de Rainbow e mesmo de Thin Lizzy están presentes durante todo álbum, xunto con eses riffs contundentes, marca inequívoca da casa.

Os 10 temas que conforman Blackout é un novo intento da banda de crear un álbum cheo de himnos de hard rock de fácil escoita. As propias composicións foxen de todo tipo de complicacións, centrándose máis no terreo melódico que no técnico. A execución dos temas é correcta, e a produción limpa e consegue un son moi propio do hard rock americano. Toschie, pola súa banda, fai un extraordinario traballo vocal, do que non se lle pode sacar fallo. A súa execución é equiparable á dos clásicos do xénero e está claro que se en vez de ser noruegués fose estadounidense sería mundialmente recoñecido. Aínda así Blackout deixa unha certa sensación agridoce após a súa escoita.

Un álbum que ten todos os ingredientes para ser un grande éxito, tería que ser resolutivo e non deixar dúbidas sobre a súa calidade dende a primeira escoita, máis este si que o fai. Cal é o problema entón? Pois o problema, mellor dito, os problemas son Youngblood (2013) e Pure Heavy (2014). O alto nivel destes dous traballos anteriores sitúa este Blackout por debaixo das expectativas que se depositaran nestes tres anos sen traballo de estudo de Audrey Horne. Probablemente se exceptuamos This is War e Audrevolution, o resto de temas non chegan ao nivel esixido para unha banda que demostrou o que é capaz de facer.

Un álbum que ten todos os ingredientes para ser un grande éxito, tería que ser resolutivo e non deixar dúbidas sobre a súa calidade dende a primeira escoita, máis este si que o fai

 

Malia que non seu conxunto o disco deíxase escoitar sen moitas complicacións, ben é certo que os temas non se quedan na cabeza, como unha música de fondo dun garito que fai compañía, pero non chega a ser actor principal da noite. Para quen descubra Audrey Horne, con este traballo, seguramente encontrarán un disco agradable que os leve a afondar na súa discografía. Para os que coñecemos a banda, sabemos que poden facer moito máis e este disco podería ser un gran disco para outra banda, pero non para Audrey Horne. Máis vale que se poñan as pilas para o próximo traballo para ser esa gran banda que están chamados a ser.

Audrey Horne nas redes

Web: http://www.audreyhornemusic.com/

Facebook: http://www.facebook.com/AudreyHorneOfficial

Twitter: @audreyhorneNO

Listaxe de temas

1.- This Is War
2.- Audrevolution
3.- Blackout
4.- This One
5.- Midnight Man
6.- Light Your Way
7.- California
8.- Satellite
9.- Naysayer
10.- Rose Alley
 

Comentarios