Cultura

O audiovisual galego pide "medidas económicas reais" e a aposta da CRTVG polas súas produccións

Reclaman "medidas económicas reais" para o sector e que as Administracións sigan adiante "con todos os compromisos pendentes e acordados" para manter os postos de traballo. 
Premios Mestre Mateo (arquivo).
photo_camera Premios Mestre Mateo (arquivo).

"A Cultura é un ben preciado, intanxíbel e feble que debe protexerse sempre, con máis intensidade aínda se cabe nestes tempos nos que queda ben patente a súa importancia emocional. Sendo consciente da situación, a Cultura volcouse coa cidadanía, aportando os seus catálogos en todos os seus sectores produtivos e tratando de ser un bálsamo persoal e colectivo, abrindo fiestras ao lecer e ao entretemento."

Desde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Academia Galega do Audiovisual, a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación Galega de Productoras Independentes (AGAPI), a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) e a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (PROXECTA), todas elas asociacións representativas do tecido profesional e empresarial que forman a base do sector audiovisual galego, aseguran que é "imprescindíbel" a "posta en marcha de medidas económicas reais, que vaian máis aló das medidas conxunturais de liquidez temporal ás empresas a través de préstamos e liñas de crédito". 

"Sendo plenamente conscientes da urxencia en materia sanitaria trasladamos a nosa preocupación pola afectación que esta crise supón para un sector tan fráxil e tan esencial como é a Cultura", salientan nun comunicado.

Poñen de manifesto que as empresas, os profesionais e os axentes culturais "necesitan" traballo e que "a mellor medida que se podería tomar desde as Administracións" é seguir adiante con todos os compromisos pendentes e acordados: "resolución de subvencións de festivais e talento, publicación de subvencións á produción e coprodución, desenvolvemento, coprodución minoritaria e o acordo do plan Xacobeo 2020 cos festivais de cinema".

Alén diso, aseveran, é preciso "estabelecer uns tempos que permitan traballar nun marco tan excepcional como este, ampliando a xustificación en todas as liñas abertas nun mínimo de 6 meses máis aló do que dure a extensión polo estado de alarma".

Tamén reclaman que na televisión pública, na CRTVG, "se aposte de forma firme e decidida polo sector audiovisual galego, inxectando liquidez inmediata a través de carga de traballo coa contratación de programas e series, así como coa compra de producións de cine realizadas e sobre proxecto".

Representantes destas entidades mantiveron unha reunión por videoconferencia coa Consellaría de Cultura e recollen a "boa disposición" da Xunta "en traballar nun plan de medidas específico que axude a paliar a situación no sector da Cultura". Neste sentido, apuntan que obtiveron o compromiso de que haberá unha "concreción" desas medias "nun prazo de 15 días" desde o encontro. 

Comentarios