O audiovisual galego, desconforme cun Plan de reactivación da Consellaría que prima "o turismo sobre a cultura"

Afirman que non responde ás necesidades do sector nin dá solución aos problemas derivados da COVID-19.

 

A Mesa lanzo pipocas esta cuarta feira (Foto: Nós Diario).

O Plan de reactivación da Consellaría de Cultura non convence o audiovisual galego. A Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG,) Academia Galega do Audiovisual (AGA), Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA), Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (PROXECTA) e Clúster Audiovisual Galego emitiron un comunicado conxunto no que afirman que o Plan de reactivación dos sectores turístico e cultural, “non responde ás necesidades reais do sector”.

Un plan, engaden, que non reflicte unha estratexia cultural “definida” e non soluciona os problemas “derivados da Covid-19”.

É un programa que “pon o foco no turismo e relega a un plano secundario o sector cultural”. As oportunidades de negocio que marca o contexto “só recollen o turismo mentres que os datos de relevancia cultural están incompletos e as importantes cifras do sector audiovisual nin se contemplan. A meirande parte do Plan está articulado ao redor da marca Xacobeo 21 cando debera estar configurado en torno ás urxencias do sector”.

O Plan presentado non contén ningún tipo de medida asistencial ou específica para as necesidades derivadas da crise sanitaria, lamentan desde o audiovisual galego. E engaden que as medidas de reactivación son, simplemente, “inexistentes”.

Unha liña de I+D vencellada a facilitar e posibilitar a difusión en liña dos festivais de cinema galego, a necesidade dunha

Film Commision Galega “que poida atraer rodaxes e que consolide o noso territorio como un plató de referencia” ou as medidas  asistenciais directas para as persoas que traballan no sector, son algunhas das demandas que botan en falla.

“Dada a falta de análise e diálogo por parte da Xunta Galicia na elaboración do Plan de Reactivación da Cultura, o conxunto das asociacións e entidades sectoriais do audiovisual galego vense obrigadas a traballar nun paquete de medidas que lle serán propostas á Xunta nas próximas semanas”.

Comentarios