Un audiolibro para conmemorar o cuarto cabodano de Neira Vilas

A localidade de Gres acolle a terceira-feira, 26 de novembro, un dobre acto que servirá para lembrar o escritor Xosé Neira Vilas no cuarto aniversario do seu pasamento e para presentar o audiolibro Xosé Neira Vilas. Vida e obra, publicado pola editorial compostelá Bolanda.
Neira Vilas (1)
photo_camera O escritor Xosé Neira Vilas (CC)

A localidade de Gres acolle a terceira-feira, 26 de novembro, un dobre acto que servirá para lembrar o escritor Xosé Neira Vilas no cuarto aniversario do seu pasamento, que tivo lugar o 27 de novembro de 2015.

A partir das 11.00 da mañá renderase unha breve homenaxe no cemiterio de Gres, tras a cal se presentará na inmediata sede da Fundación o audiolibro Xosé Neira Vilas. Vida e obra, publicado pola editorial compostelá Bolanda. Ao acto acudirá un grupo de alumnas e alumnos do colexio público de O Foxo (A Estrada), centro co que Neira Vilas "sempre mantivo un vínculo moi especial", e que nesta ocasión ofrecerán unha pequena representación teatral.

O volume incorpora a narración de varios dos contos incluídos nunha obra anterior, titulada Contos vellos para para rapaces novos, e pretende "achegarlles a vida e a obra de Neira Vilas ás xeracións máis novas", polo que incorpora unha das súas publicacións máis senlleiras pensadas para o público xuvenil, nesta ocasión en formato audiolibro.

A sede da Fundación, casa natal de Xosé Neira Vilas e que acolle o Centro Cultural de Gres, continúa, con este novo acto, "coas tarefas de difusión e promoción da obra do autor das Memorias dun neno labrego" que se concretan a través das actividades culturais desenvolvidas durante todo o ano.

Comentarios